Galicia por enriba da media estatal en compras online e interacción coa Administración na rede

fotousb

Foto mbiebusch (Flickr)

Tedes internet de banda larga? A que tipo de servizos accededes na rede? Hoxe o 70,3% dos fogares galegos ten contratado internet de banda larga; no último ano rexistrouse un aumento do 7,7%. Entre o 2010 e o 2014 Galicia reduciu a fenda dixital con respecto á media estatal máis de 8 puntos. Estes datos están recollidos no último “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos”, publicado a principios de setembro polo Osimga.

Nos últimos anos reduciuse significativamente a fenda dixital coas medias estatal e europea. O 71,5% dos fogares galegos dispoñen de ordenador; a diferenza entre a media galega e estatal pasou dos 7,1 puntos no 2010 aos 3,3 da actualidade. Por outra banda, o 69,3% dos galegos usamos internet nos últimos 3 meses; nos últimos anos reducimos a fenda dixital con España neste indicador en máis de 3 puntos e con Europa en case 7.

Por que?

A presenza de nenos no fogar, o maior tamaño do hábitat ou o nivel de estudos e ingresos, son factores que inflúen no uso das TIC. Todos os núcleos de máis de 10.000 habitantes superan a media galega en contratación de internet e os de máis de 50.000 están por enriba da media estatal. Por outra banda, todos os indicadores melloran superada a primeira etapa da educación secundaria.

Por que non o contratamos? Porque “non o necesitamos” ou “non queremos” (o 40% aproximadamente), porque “non temos os coñecementos necesarios” ou “polo alto custo da conexión” (35% aproximadamente).

Destacamos en interacción coa Administración e en comercio electrónico

O 29,5% dos galegos adquirimos algún ben ou servizo a través de internet nos últimos 3 meses (2 puntos por enriba do conxunto do Estado). A porcentaxe diminúe cantos máis membros hai no fogar: 33% en fogares cun só membro e 20% en fogares de 5 ou máis persoas.

Tamén sacamos nota en interacción coa Administración. O 64,7% dos galegos obtivo información de páxinas web institucionais e máis do 50% descargou ou enviou algún tipo de formulario.

O estudo é o terceiro informe que se elabora no marco do convenio asinado entre a Amtega e o Instituto Galego de Estatística, a partir dos datos da “Enquisa Estrutural a Fogares” do IGE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.