A Xunta pon en marcha a segunda convocatoria de axudas para contratar Internet vía satélite para familias e pemes das zonas con máis dificultades de cobertura, nas que non é posible acceder á rede a través doutra tecnoloxía. Esta medida, que tivo unha primeira convocatoria en 2012, é unha das actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta para facilitar o acceso a Internet a todos os galegos.
Beneficiarios
Os beneficiarios das axudas serán familias e empresas con enderezo en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á permanencia no servizo durante un ano.
O usuario deberá contratar un servizo de banda larga vía satélite de cando menos 2Mbps de velocidade de baixada. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.

