Como cada mes, acercámonos a unha das aulas CeMIT que a AMTEGA ten por toda Galicia. Esta vez viaxamos ao corazón de Galicia para coñecer a Carlos Andújar Mato, xerente da área de formación na II Edición CeMIT Innova na Estrada.
Cal é a experiencia dunha Aula CeMIT nunha zona urbana e rural a un tempo como o teu, Carlos?

Carlos Andújar Mato. Xerente da área de formación na II Edición Cemit Innova
As experiencias que vivimos a diario nas aulas son moi satisfactorias e enriquecedoras grazas as persoas que nos acompañan. Teñen perfís moi diferentes, dende as que non teñen ningún tipo de coñecemento dixital, as que utilizan internet para a súa vida social, as que teñen competencias en informática básica e por último un perfil que poderíamos denominar con competencias dixitais.
Para realizar unha atención de calidade ás persoas organízanse actividades formativas segundo os coñecementos que posúen os usuarios, así acadamos que un grupo consiga os obxectivos de aprendizaxe de crear unha conta de correo e navegar por internet ata que obteñan o certificado de competencias dixitais ou acaden as competencias necesarias para manexar programas informáticos específicos de xestión empresarial que están a solicitar as empresas nas súas ofertas de emprego.
Algunha das moitas actividades formativas que realizamos dende setembro do 2015 ata a actualidade nas aulas son as seguintes:
-Tres Edicións do curso básico en Prevención de Riscos Laborais. (60h).

– Alfabetización informática e teleformación. O obxectivo é acadar unha formación suficiente para desenvolverse coas TIC en calquera ámbito profesional dun xeito autónomo e multidisciplinar.

-Curso práctico de xestión laboral e contratación, contabilidade e práctica contable e actualización fiscal.
A fenda dixital é un mito ou unha realidade?
Se falamos da fenda dixital como as dificultades a nivel xeográfico ou a nivel socioeconómico para acceder a Internet , o que se entende por primeira fenda dixital, podemos dicir que no noso concello non é moi relevante. Hoxe en día case todos os usuarios que atendemos teñen acceso a internet nas súas casas, no móbil, en establecementos de hostalería, en instalacións municipais como a biblioteca ou na propia aula Cemit e nos rural centros. Cabe destacar neste senso que A Estrada conta con ‘aestradadixital’, un operador municipal de internet que naceu dun proxecto tecnolóxico europeo que consistiu en poñer en marcha múltiples actuacións coa intención de facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e á Sociedade da Información dos estradenses. Hoxe en día permite que o noso concello, incluíndo todas as parroquias estradenses poidan ter acceso a internet a un custo reducido.
Sen embargo se falamos da utilización e da comprensión do acceso e dos equipamentos, o que se coñece como segunda fenda dixital, temos que dicir claramente que é unha realidade. De feito é un dos obxectivos xerais que temos en conta en todas as actividades que realizamos, como comentamos no apartado anterior, adaptando a formación as persoas propoñendo resultados de aprendizaxe que todos poidan acadar e que lles permita acceder a actividades formativas de niveis superiores, segundo as súas necesidades, como o certificado de competencias dixitais.
En que medida a aula Cemit da Estrada contribúe á empregabilidade dos veciños?
Favorecer o crecemento do emprego e da actividade económica no noso Concello, prestando un apoio de calidade a todas aquelas persoas que tratan de incorporarse ao mercado de traballo e que teñen dificultades para facelo, así como contribuír a manter e desenvolver o emprego e a actividade económica existente, fontes de riqueza dun municipio, colaborando estreitamente co tecido empresarial local, coas asociacións de emprego, de comerciantes e de empresarios, co Concello da Estrada e con todos os sectores da Fundación Cultural sempre dende un punto de vista social tecnolóxico. Esta é a liña de actuación principal do Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local da Fundación Cultural da Estrada que utiliza a aula CeMIT para a realización das súas actividades.
Un dos proxectos que estamos a xestionar dende setembro de 2015 conta cun indicador de máis do 50% que mide as altas na Seguridade Social das persoas que atendemos dende fai once meses.
Tedes un portal de emprego propio: emprego.aestrada.com. Cal é a acollida dos veciños? E a información máis demandada?
No Concello da Estrada contamos cun portal de emprego recentemente renovado con moi boa acollida. Naceu na Fundación Cultural pretendendo acadar a diminución da fenda dixital de xeito que todas as persoas so facendo clic tivesen acceso as ofertas de emprego, aos boletíns de interese, a formación realizada no Concello e fora del, información relacionada co emprego e o emprendemento. Por outra banda tamén se utiliza como base de datos para a realización de intermediación laboral entre empresas e demandantes de emprego.
Nestes intres a páxina está xestionada polo Concello da Estrada e tamén traballa cunha conta de Facebook: emprego A Estrada.
A acollida dos veciños é incrible, tanto da páxina como da conta de Facebook así como dos servizos que ofrecemos en orientación e intermediación laboral.
O curso Básico en Prevención de Riscos Laborais, operador de equipos de traballo, informática básica, preparación para o Códix e os de orientación laboral, marca persoal e procura de emprego 2.0 son os máis demandados no Concello da Estrada.
Como foi a vosa experiencia na I edición de Cemit Innova?
O noso eixe principal de traballo é a colaboración, a motivación e a proactividade polo que poder participar na I edición de CeMIT Innova foi unha oportunidade incrible para compartir experiencias, adquirir novas competencias de traballo colaborativo e poder presentar o noso proxecto “Unha Estrada de oportunidades”.

Durante este ano 2016 seguimos dentro do proxecto xa que continuamos realizando as actividades que propuxemos e seguimos contando co apoio dos técnicos que están a desenvolver este magnifico proxecto.
Sempre é un pracer ter a oportunidade de aprender a traballar dunha forma máis eficaz e motivadora.
Como é a acollida das actividades que realizades na aula?
A acollida das actividades é espectacular, todos os cursos están completos tendo lista de espera para a realización doutras edicións.
O éxito das propostas está en que traballamos conxuntamente todos os axentes económicos e de emprego do Concello xunto cos usuarios para ofertar a formación adecuada que permita acadar o maior número de insercións laborais.
Debido ao sistema de calidade ISO 9001 que a Fundación ten implantado en todos os nosos procedementos son avaliados por enquisas de satisfacción anónimas aos usuarios tanto por escrito coma por vía telemática o que nos permite medir os resultados das acción que realizamos e mudar as acción realizadas que non están a ser efectivas.
Grosso modo, cantos usuarios ten a Aula CeMIT de A Estrada?
Dende setembro do dous mil quince pasaron máis de trescentas persoas entre actividades formativas, realización do Códix, solicitude de inscrición para o procedemento de acreditación da experiencia profesional, preparación para as competencias clave.
Cabe resaltar que moitos destes usuarios asisten a diario as aulas polo que unha mesma persoa soe participar en varias accións das que realizamos.
Seguro que entre tanto alumno tes que ter algunha anécdota interesante sobre a empregabilidade! Cóntasnos algunha?
As anécdotas máis divertidas teñen que ver coa marca persoal e identidade dixital dos usuarios. Algúns teñen contas de correo coma mariayjose@…, eucomoherba@…., melarepanflinfla@…., memolaba@….os estados de whatsapp como “a culpa e toda do partido político X”, “estou aburrido”, “estou durmindo”, “cual es la diferencia entre me gustas y te amo…una flor, la cuidas y la riegas”… e moitas delas con faltas de ortografía ou os polítonos dos móbiles que poder facer que un recrutador perda a paciencia.
Cales son os cursos que máis demanda teñen?
Coma comentei anteriormente, as actividades formativas máis demandadas son o curso Básico en Prevención de Riscos Laborais, operador de equipos de traballo, informática básica, preparación para o Códix e os de orientación laboral, marca persoal e procura de emprego 2.0.
Grazas polo teu tempo, Carlos! Seguiremos de preto as aventuras dixitais da Estrada a través dos seus proxectos en marcha.


