A páxina web da Xunta conta cunha nova funcionalidade que facilita a localización de 4.300 centros de servizos públicos da comunidade. Servizos no mapa permite situar centros educativos, sanitarios e culturais, entre outros, das administracións locais, autonómicas e estatal, e acceder aos seus datos de contacto. A aplicación está dispoñible en xunta.es, en Espazo e!, ou na ruta http://www.xunta.es/servizos-no-mapa.
Permite localizar de xeito sinxelo os distintos servizos facendo buscas por palabras, provincias e concellos, tipos de servizos e temáticas destes. O mapa pode visualizarse de forma reducida ou ampliada, e conta con iconas específicas para cada tipo de servizo sobre as que podemos facer clic e consultar: enderezo, teléfono, correo electrónico, páxina web, horario, etc.
Ofrece información de contacto e localización de:
- Centros educativos.
- Farmacias, centros de saúde, hospitais e centros de especialidades.
- A Rede de Arquivos de Galicia.
- A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT).
- A Rede de Bibliotecas de Galicia.
- Oficinas de Rexistro e Información da Xunta de Galicia.
- Museos e coleccións visitables do Sistema Galego de Museos.
- Oficinas de turismo.
- Centros de Información á Muller.
- Oficinas do Instituto Galego de Consumo.
Facemos unha proba? Que información nos da a aplicación se buscamos unha Aula CeMIT no Concello de Ribadeo?
Proximamente ofrecerase información das oficinas do Servizo Público de Emprego, os puntos limpos do Sistema de Información de Residuos de Galicia, das estacións de autobuses, dos centros de día ou das escolas infantís.

