Youtube é moito máis que unha páxina web ou unha rede social na que ver, subir ou compartir vídeos. O primeiro paso, despois de crear unha conta ou iniciar a nosa sesión de gmail, é deterse en como ver vídeos e listas de reprodución. En próximos posts veremos como editar vídeos en Youtube, botaremos un ollo ao contido de pago e saberemos como se adapta a rede social aos dispositivos móbiles.
Os vídeos e as listas de reprodución.
- Opcións de visualización. Ás veces resúltanos imposible ver un vídeo en Youtube porque a calidade da imaxe non se axusta ao noso ancho de banda, o que habitualmente confundimos coa “velocidade” da rede. Podemos cambiar a calidade do vídeo na icona con forma de roda dentada, na esquina inferior dereita do reprodutor de vídeo. Tamén podemos escoller tamaño: predeterminado, reprodutor grande ou pantalla completa.
- Comentarios. Podemos deixar comentarios debaixo dos vídeos. Se incluímos unha referencia temporal, esta convertirase nun enlace a ese momento concreto do vídeo: fixádevos nas declaracións a partir do minuto 3:04”. Ademais tamén podemos enviar e recibir mensaxes privadas.
- Subtítulos. Os vídeos con subtítulos inclúen a icona CC ao final do resumo nos resultados de busca. Para facer unha busca na que só aparezan vídeos subtitulados temos que facer clic no botón filtros, e en CC (subtítulos cerrados). Podemos activalos ou desactivalos, e cambiar tipo de letra e formato.
- Listas de reprodución. Debaixo dos vídeos temos a opción de engadir a, para engadir un vídeo a unha lista de reprodución. A unha lista creada ou a unha nova. Dentro da nosa información de perfil, podemos facer clic no xestor de vídeos para editar e reorganizar as listas de reprodución. Podes compartilas e, como propietario, podes decidir se é unha lista pública ou privada.
- Descarga. En xeral non se poden descargar vídeos subidos por outros usuarios. Poden descargarse arquivos MP4 dos nosos vídeos. Dentro do xestor de vídeos buscamos o vídeo que queremos baixar e facemos clic na frecha que aparece ao lado da opción editar, para abrir o menú despregable. Xa só queda facer clic en Descargar MP4.
Non esquezas que…
… os vídeos poden ser públicos, privados ou ocultos. Un vídeo privado só podes velo ti e as persoas que ti escollas e invites por correo electrónico. Un vídeo oculto só poden velo os usuarios que coñecen o enlace, non aparece nos resultados de busca. Necesitas que todos os teus vídeos sexan públicos? Antes facer clic en “subir vídeo” pensa no tipo de contido que subes e nas posibles consecuencias; coñeces as condicións de uso de Youtube?
No seguinte post sobre Youtube toca subirmos algúns vídeos, editalos e organizalos nas nosas propias canles.

