Guía práctica | Primeiros pasos en Google +

google+2

Non é tan popular como Facebook ou Twitter, pero Google + está gañando cada día máis protagonismo. Google fixo un esforzo notable por simplificar e achegarnos, case impoñernos, a súa rede social; se tes conta en gmail xa tes páxina de Google +. Antes da primeira actualización sabemos que é unha ferramenta perfectamente sincronizada co resto de servizos de Google que empregamos: buscador, correo electrónico, etc.

Hoxe faremos un percorrido pola páxina principal, saberemos que son os círculos, completaremos a información de perfil, e veremos como compartir en Google +. Haberá tempo e posts para meternos en conversacións, eventos ou páxinas.

A Home

Aquí vemos todo o que comparten as persoas dos nosos círculos: publicacións de texto, imaxes, vídeos, etc. Só temos que facer clic en comparte as túas novidades para compartir unha publicación cos nosos amigos ou seguidores. Podemos filtrar o contido da páxina principal por círculos pero, que son os círculos?

Os círculos

Organiza a lista de contactos por categorías e escolle con quen compartir as túas publicacións: amigos, traballo, coñecidos, etc. Podes crear os círculos que queiras e Google suxerirache ademais contactos dos teus amigos, da túa lista de contactos de gmail…

O perfil en Google +

Engade unha foto de perfil e outra de portada. Nas pestanas de perfil podes incluír información básica (onde vives, onde traballas, etc.), acceder ás fotos que subiche, revisar a túa actividade en Youtube, etc. Cando visites o perfil dalguén terás acceso a distintas iconas de acción para enviarlle un correo ou abrir un hangout (un vídeochat), por exemplo. Tamén podes consultar as publicacións que compartiron contigo.

Compartir en Google +

Podes compartir texto, un enlace, un vídeo, unha imaxe, un evento, etc. Para compartir podemos engadir nomes, círculos ou enderezos de correo electrónico.

Podemos impedir que outras persoas compartan a publicación e incluso inhabilitar os comentarios. Tamén temos que ter en conta que ao compartir algo con todos os usuarios da web, pode aparecer nos resultados de busca. En próximos posts veremos máis información de configuración da conta e seguridade.

Ademais da seguridade, falta afondar nas conversacións ou nas páxinas de Google +, entre outras particularidades interesantes. Dádelle unha oportunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.