Despois de Facebook, Twitter, Instagram, Youtube e Google +, abrimos unha ventá a unha rede social con máis de 70 millóns de usuarios: Pinterest. Rexistrádevos cos datos da conta de correo electrónico, cos de Facebook ou Twitter, e acompañádenos nun percorrido polo dashboard, as categorías, os pins, os taboleiros e o perfil.
Dashboard
No dashboard amósanse as novidades dos usuarios aos que seguimos. Podemos pinear, compartir unha imaxe nalgún dos nosos taboleiros –unhas liñas máis abaixo veremos que son–, ou indicar que nos gusta unha actualización.
Categorías
Podemos explorar Pinterest por categorías ou temas. Como no dashboard, podemos pinear as imaxes doutros usuarios e engadilas aos nosos taboleiros.
Pins
Un pin é unha imaxe que queremos compartir. Podemos subir a imaxe, compartila dende calquera páxina web, ou compartir pins doutros usuarios ou páxinas de Pinterest. As imaxes adoitan levar enlaces que nos levan á web onde están publicadas.
Taboleiros
Sempre que compartimos unha imaxe ou pin temos que asociala a algún dos taboleiros nos que organizamos as imaxes por temas, intereses… Podemos seguir a un usuario ou a algún dos seus taboleiros.
Perfil
Podemos acceder aos nosos pins, aos taboleiros, ás imaxes que marcamos cun gústame, e configurar a nosa conta cambiando a información de correo, contrasinal, notificacións, etc.
Non esquezas que…
… como en calquera rede social, cómpre ter coidado co contido que compartimos. Sabedes que podedes denunciar unha imaxe ou a un usuario? Por que?


