Guía práctica | 10 consellos para protexerse nas redes sociais

socialmediasafeSempre que vos achegamos algunha rede social chamamos a atención sobre a necesidade de coidar que compartimos na rede. Na semana na que falamos sobre ciberseguridade, queremos darvos algunhas indicacións para comunicar dunha maneira segura en redes sociais. Dende o Centro de seguridade e protección de Microsoft dannos 10 consellos para protexérmonos en redes sociais.

  1. Primeiro penso, logo fago clic. Convén fixarse nos enlaces que comparten con nós antes de facer clic. No remitente, no tema… O obxectivo de moitos ciberdelincuentes é que fagamos clic no enlace que compartiron con nós.
  2. Que publicamos sobre nós mesmos? Un método común que empregan os hackers para conseguir información nósa é facer clic en “esqueceche o teu contrasinal?”. Despois responden ás preguntas de seguridade con información típica como a data de aniversario. Se é posible debemos crear a nosa propia pregunta de seguridade cuxa resposta non debe ser, por exemplo, o nome da mascota protagonista da páxina de Facebook.
  3. Falsos remitentes. Un hacker pode entrar nunha conta que non lle pertence e enviar unha mensaxe fraudulenta. Se sospeitamos dunha mensaxe, debemos poñernos en contacto con esa persoa por unha vía alternativa.
  4. Páxinas de redes sociais con acceso á nosa lista de contactos. Cando nos rexistramos nunha rede social, é habitual que nos pidan acceso á nosa conta de correo electrónico para axudarnos na busca dos nosos amigos. A realidade é que pasan a dispoñer da nosa lista de contactos que poden empregar para enviar a información que máis lles interese.
  5. Compartir en redes sociais dende as nosas páxinas. Hai páxinas web que nos permiten compartir directamente unha información en Facebook, Twitter… Se non coñecemos a web non é unha boa idea porque poden rexistrar os datos de acceso e acceder á información persoal.
  6. A quen aceptamos como amigo? É importante coidar a quen aceptamos. Existe a posibilidade de que accedan á nosa información persoal a través dun perfil falso.
  7. Non é necesario estar en todas as redes sociais. Non é divertido pero deberiamos deternos 5 minutos na política de privacidade das redes sociais nas que nos rexistramos. Controlan o contido que se publica? Que fan cos nosos datos?
  8. Contido permanente. Eliminar unha conta non significa que o contido que publicamos non continúe na rede. Contido que ademais puido descargar calquer persoa en calquera momento.
  9. Redes sociais…, e aplicacións. Moitas páxinas de redes sociais permiten descargar aplicacións de terceiros que permiten xogar, compartir presentacións, etc. Debemos buscar provedores de confianza para evitar que acceda á nosa información quen non debe.
  10. Traballo e redes sociais. O número de despidos motivado polas redes sociais aumenta ano a ano. Polo contido publicado ou polo seu uso no tempo de traballo. É cuestión de escoller o foro no que compartimos algunhas cousas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.