A Amtega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, acaba de poñer en marcha o tradutor automatizado Gaio. Desenvolvido pola empresa galega Imaxín Software, busca reforzar a presenza do galego nas administracións autonómica e local, facilitarlle aos profesionais públicos a tradución directa e inversa galego-castelán de documentación, páxinas web, correos electrónicos, etc.
Gaio facilita a tradución inmediata de grandes volumes de documentación e a tradución de páxinas web, informes, etc. Ademais contempla terminoloxía específica administrativa e nomenclatura propia das entidades: nomes de consellerías, concellos, altos cargos, órganos de goberno, etc.
Permite traducir do galego ao castelán e ao portugués; está dispoñible para os profesionais municipais e autonómicos a través do portal Eido Local e da intranet da Xunta.
Gaio por dentro
Os profesionais da Administración poderán empregar Gaio dende o seu navegador; as funcionalidades da web son as seguintes:
- Tradución de documentos. Selecciónase o documento que se quere traducir, a dirección de tradución (castelán-galego ou galego-castelán), indícase o formato do arquivo, e se se quere marcar as palabras descoñecidas. Despois de facer clic en “traducir” aparecerá un arquivo co mesmo nome pero co engadido –es ou –gl, no escritorio do ordenador.
- Tradución de texto plano. Chega con pegar o texto que se quere traducir na caixa de texto, seleccionar a dirección de tradución e facer clic en “traducir”. Tamén se poden marcar as palabras descoñecidas.
- Navegación e tradución. Primeiro selecciónase a dirección de tradución e despois pégase a URL da web que se quere traducir; exemplo: http://imit.xunta.es/portal/
Ademais hai unha sección de axuda na que se pode descargar un manual en PDF e outra de preguntas frecuentes sobre o funcionamento básico do tradutor.



Pingback: A app do mes | O tradutor Gaio chega aos móbiles - Xente Dixital