A Xunta reunía nunha xornada a finais de novembro 13 exemplos de boas prácticas de Responsabilidade Social Empresarial no sector TIC galego. Javier Álverez Osuna, á fronte da empresa galega Imaxdi, foi un dos participantes. Adícanse ao desenvolvemento de dispositivos médicos portátiles e aplicacións móbiles para mellorar a saúde. Falamos con el sobre novas tecnoloxías e saúde.
Sabemos que as TIC nos axudan no traballo, no estudo…, pero tamén son boas para a saúde?
As TIC son sen lugar a dúbidas tecnoloxías horizontais, é dicir, de aplicabilidade e usabilidade en calquera sector. O uso da informática e as comunicacións na medicina non é novo. En abril de 1924 a revista Radio News informaba aos seus lectores de que pronto chegaría aos fogares o “radio doctor”. Casi 87 anos despois a realidade é que as TIC só funcionan como axilizadoras do acto médico asistencial (imaxen dixital, historia clínica electrónica ou mesmo a receita electrónica) e non como núcleo para a xestión integral da saúde.
Paradoxicamente o emprego das TIC na saúde nos países do Terceiro Mundo, onde as infraestructuras sanitarias non están tan extendidas, vén a demostrar a idoneidade destas cando son a base dos sistemas de atención sanitaria e do mantemento da saúde.
Como nos poden axudar as TIC no coidado da saúde no día a día? Que opinas de preguntarlle a google?
O paciente do século XXI está abandonando o papel de doentes pasivos para adoptar un papel de prosumidor (productor e consumidor de información), como doentes activos e expertos (ninguén mellor que un para poder definir cales son os síntomas ou como se sinte cando convive cunha enfermidade). Este novo paciente atopa un aliado nas TIC como unha ferramenta útil nos procesos de apoio, interpretación e transmisión de información entre pacientes, e entre estos e os servizos asistenciais.
O derradeiro informe do INE sobre o uso da internet en temas de saúde amosa que máis do 53% das persoas con acceso a Internet efectúan procuras de información sobre temas relacionados coa saúde (case o 60% se falamos do xénero feminino).
Estes valores estatísticos non están exentos de certa preocupación, posta de manifesto de forma continuada polas sociedades médicas, a quen lle aterra a cantidade de desinformación que en temas de saúde circula en Internet.
Pola contra, empezan a coñecerse redes sociais como Lybba ou plataformas de saúde como Cure Together, que poñen de manifesto a utilidade das redes de saúde (eHelth social-networks). A través destas redes os pacientes poden apoiarse mutuamente, comparar síntomas, factores desencadeantes, tratamentos dispoñibles, etc. Poden obter ideas que comentar co médico, así como conectarse online con outras persoas que traballan en temas de saúde, ou que sofren a mesma doenza para poder falar. Todos estes aspectos melloran, sen dúbida, a calidade asistencial e a saúde da poboación.
Brevemente, que facedes en Imaxdi?
IMAXDI é una empresa de bioenxeñaría médica. Estamos especializados no desenvolvemento de dispositivos médicos “wearables” de calidade diagnóstica e de aplicacións móbiles para o control e mellora da saúde.
A cotío empregamos o termo anglosaxón “wearable” porque ten importantes connotacións que non son moi fáciles de explicar nunha soa palabra en galego ou castelán. Un dispositivo médico “wearable” é un dispositivo pequeño de baixo peso e de fácil uso que pode ser fácilmente levado polo paciente ao longo do día se fose preciso.
Aplicacións móbiles sanitarias, para os profesionais? para todos? Ponnos algún exemplo.
O control da saúde é responsabilidade dun mesmo. Nós, como pacientes, temos que dispoñer de ferramentas que nos permitan controlar a nosa saúde. Pero non podemos esquecer que cando se producen episodios de enfermidade é preciso achegarmos aos profesionais.
Por iso son precisas aplicacións móbiles para os pacientes e aplicacións móbiles para os profesionais que sendo sustancialmente diferentes teñen que ter en común que uns poidan interaccionar cos outros en tempo real.
Un exemplo é mBEAT, un sistema de telediagnóstico cardiolóxico en tempo real. O paciente dispón dun electrocardiograma de calidade diagnóstica de pequeno tamaño controlable a través do seu smartphone. Pulsando un botón, pode realizar unha petición ao cardiólogo quen recibe a información do ECG no seu terminal móbil en tempo real, podendo deste xeito tomar as decisións clínicas máis oportunas.
Sistemas como mBEAT responden ao novo concepto de saúde “en calquera momento…, en calquer lugar” que están a definir un novo modelo de asistencia sanitaria.
A que retos vos enfrontades nos próximos anos?
IMAXDI é una empresa especialmente inmersa no I+D+i. A chamada m-Health aínda está empezando a achegar os primeiros produtos ao mercado, e quedan retos importantes por desenvolver. Dotar aos nosos sistemas da intelixencia artificial para que poidan xerar alertas ao usario e aos servizos asistenciais cando algo non vai ben (falando de saúde) é un reto no que xa estamos a traballar.
Ou mesmamente, como simplificar as electrónicas dos nosos dispositivos para facelos aínda máis usables, lixeiros e fácilmente “vestibles” mediante o uso de sustratos flexibles ou mesmo nano-tecnoloxías.


