
Na internet, se non evolucionas acabas no esquecemento dos usuarios. E se non que llo digan a grandes éxitos como foron Napster, Myspace ou Tuenti. Por iso, cada certo tempo os principais servizos web cambian o seu deseño ou a maneira en que funcionan. E aínda que o venden como melloras, normalmente estes cambios están dirixidos a que os usuarios non perdan interese e que os ollos volvan estar encima deles.
Un dos últimos que realizou esta estratexia é Twitter, o cal leva xa tempo nunha crise de contido e de usuarios, polo que estes cambios son un intento de buscar unha mellora no servizo e que os usuarios volvan utilizar a rede social como o facían antes. Aínda que estes cambios son pequenos e sutís, si que poden despistar nun principio, polo que hoxe dámosvos tres consellos para non perdernos neste “novo Twitter”.
Xa non hai @mencións
As @mencións co signo da arroba desaparecen. Non é que xa non existan, é que agora se mostran dunha maneira diferente. No canto de aparecer diante da mensaxe, aparecen encima dela e en letra máis pequena, tanto cando aparecen no noso timeline como cando realizamos nós unha mención ou reply.

Desta maneira Twitter busca aforrar espazo nas súas mensaxes e potenciar o contido nas mencións. Este novo tipo de mención permite meter ata 50 usuarios nunha soa mensaxe, aí é nada.
Adeus aos 140 caracteres
Twitter fíxose famoso porque as mensaxes só permitían 140 caracteres. Agora iso xa non é certo… ou polo menos en certa maneira. As mencións ao comezo xa non contan e tampouco o fan as imaxes cando as metemos nunha mensaxe, polo que podemos ilustrar os nosos tweets con maior flexibilidade que antes.
Os momentos chegaron para quedar
Aínda que non están activados para todo o mundo, os momentos son un novo tipo de contido que comezaremos a ver moi a miúdo no noso timeline. Trátase de recompilacións feitas polos usuarios para contar unha historia, estas adoitan ser a base de tweets con imaxes e vídeos.
Podémolos identificar porque aparece un emoji dun trono na mensaxe e só pódese ver a través das aplicacións móbiles de Twitter (e proximamente na web para todos os usuarios). Para atopar estes momentos, temos que ir á parte de explorar, onde teremos unha lista cos máis destacados.

