Así é Turismo.gal, a nova web da Xunta para promocionar o turismo de Galicia

Esta semana puidemos gozar da presentación do novo portal Turismo.gal. Da man da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira, presentouse este novo portal  onde se presenta Galicia dunha maneira innovadora e adaptada aos novos tempos tecnolóxicos que corren.

Turismo.gal é un portal con miles de artigos onde o visitante pode atopar toda a información que queira para visitar calquera localidade de Galicia. E cando dicimos toda a información, é que está toda, xa que o novo portal dispón na actualidade de máis de 30.000 recursos repartidos entre rutas turísticas, plans destacados, establecementos de restauración ou lugares de aloxamento.

Esta renovación é unha das iniciativas englobadas dentro de Smart Turismo, o plan de cinco anos da Xunta de Galicia dotado con 10 millóns de euros para desenvolver solucións tecnolóxicas e innovadoras que impulsen o turismo en Galicia.

Información de calidade en mobilidade

Turismo.gal destaca principalmente por dúas razóns: o seu novo deseño e o seu contido. O novo portal foi deseñado seguindo os canons de deseño web actuais, poñendo especial importancia aos visitantes da web en mobilidade, que consultan o portal desde o seu teléfono móbil ou tablet. Así, o aspecto renovado de Turismo.gal adáptase á perfección a todos os dispositivos, proporcionando a mesma experiencia tanto se estamos diante do computador coma se visitámolo desde un teléfono móbil.

O contido dispoñible é inmenso. Como comentamos, ten máis de 30.000 recursos perfectamente clasificados e organizados de maneira que sexa moi sinxelo acceder e eles. Así nos podemos atopar por exemplo máis de 270 rutas turísticas planeadas ao detalle: cada ruta dispón dunha páxina independente onde podemos ver a súa localización, a distancia que percorreremos, o tempo que nos levará visitala e unha colección de vídeos e imaxes do que poderemos gozar se realizamos esa ruta. Por exemplo, se somos amantes das flores a ruta da camelia pode ser unha gran opción; e se somos de bo comer a ruta da lamprea é unha visita obrigada.

Planifica a túa viaxe

Unha das novidades máis interesantes de Turismo.gal é a oportunidade de planificar a nosa viaxe desde a propia web. Cun sinxelo rexistro, podemos organizar toda a nosa viaxe dunha maneira moi sinxela e amigable. Desde a sección “A miña viaxe” podemos apuntar as rutas, lugares e establecementos que queremos visitar, para despois poder consultalas como queiramos, xa sexa desde a propia web, descargarnos un resumo en PDF ou as coordenadas GPS de todos os lugares ao noso teléfono móbil.

Unha vez rematada a viaxe, desde a propia sección tamén é posible deixar opinións do vivido. Desta maneira, se un lugar gustounos especialmente podemos deixar unha nota para visitalo noutra ocasión, ou tamén se descubrimos unha paisaxe oculta que non aparecía nas guías e que merece a pena velo.

Turismo.gal é un dos portais de turismo máis completos e interesantes que existen actualmente no territorio nacional. Poderiamos estar a falar moito máis del e todo o contido que dispón, pero o mellor é que o visites e descubras por ti mesmo todo o que o portal, e Galicia, pode ofrecerche nas túas escapadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.