Educación + tecnoloxía = ?

ebook

Seguro que ultimamente participastes nalgún debate sobre como a tecnoloxía está a transformar a educación pero non tanto o sector educativo. Alumnos e docentes dispoñen da mesma cantidade de información pero non contan cos mesmos recursos para xestionala. Cal é o seguinte paso?

A principios de ano, Xavier Prats Monné, director de Educación da Comisión Europea, declaraba a El País que son os alumnos os que están a impulsar a transformación do modelo educativo porque “traducen na escola e na universidade a súa experiencia diaria. Están afeitos a colaborar a través de internet e a que as súas amizades non dependan da súa situación xeográfica”.

En febreiro deste ano, Cristóbal Cobo (investigador asociado do Instituto de Internet da Universidade de Oxford) inauguraba o foro “Education. Educar para transformar” na Universidade Europea de Madrid, e aproveitaba para reflexionar sobre educación e novas tecnoloxías. O reto, afirma Cobo, “non está no acceso á información senón na posibilidade de contar con tempo para procesala”.

Que aportan as novas tecnoloxías á formación? Cobo considera que hai que introducir as tecnoloxías na aula e, en paralelo, desenvolver un cambio metodolóxico que forme ao profesor. O mestre debe converterse nun dinamizador que formula retos para que o estudante aprenda a aprender coas ferramentas que ten a man.

Cada vez perde máis sentido o modelo da aula, o docente e os contidos. O paradigma da aprendizaxe na rede provoca que, por exemplo, nos Estados Unidos aumente o número de nenos que recibe clase na casa. Pronto escoitaredes falar dun modelo de educación creativa baseada nas novas tecnoloxías e nos xogos. En Xente Dixital xa vos falamos dos serious games e dos videoxogos educativos. Cómpre esquecer a idea preconcebida que temos dun “xogo” para ordenador ou para a videoconsola; pensade nunha aplicación interactiva para aprender sobre calquera materia, que concentre o interese dun alumno con demasiadas fontes de información ao seu alcance.

No último “NMC Horizon Report: 2014 Higher Education Edition”, analízase como a tecnoloxía inflúe na creatividade da educación.

Educacion_tecnologia

Infografía Universia

En Galicia

En Xente Dixital xa vos falamos moitas veces do Espazo Abalar. A iniciativa arrancaba no ano 2010 con 5 centros que formaban parte do programa piloto; hoxe hai máis de 50.000 escolares que se benefician de recursos e equipamento TIC. O obxectivo é duplicar o número de beneficiarios nos próximos anos. Mañá atenderemos ás liñas de actuación para os próximos anos; temos a tecnoloxía e os recursos pero cómpre formar a docentes e alumnos para facer un bo uso da mesma.

Fonte: El País e Universia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.