Se somos amantes da historia estamos de parabén, na súa intención de dixitalizar todo o contido posible, a Universidade de Santiago de Compostela acaba de poñer a disposición de todo Internet máis de 600 mapas de carácter histórico.
O acceso a esta colección de mapas é libre e está en formato dixital, formando parte dun proxecto que busca preservar, difundir e poñer en valor o patrimonio do que dispón a Universidade de Santiago de Compostela. Para acceder a eles, pódese facer a través do repositorio institucional Minerva, o cal está a disposición de calquera internauta e no que poderemos acceder aos máis de 600 mapas que se colgaron. O contido pode ser consultado de maneira sinxela e descargado gratuitamente, tan só hai que rexistrarse na plataforma e buscar o documento que nos interese.
Os documentos escollidos para esta primeira mostra, datan na súa maioría a antes de 1900, e foron escollidos por ter especial valor e estar vinculados con Galicia. Aínda que por agora só hai 600 documentos, a USC xa comunicou que o proceso de dixitalización continúa, e esperan adaptar toda a súa biblioteca a estes novos formatos para a preservación e difusión destes contidos de caracter histórico.
Se es investigador, estudante ou simplemente un amante da historia da nosa terra, podes acceder a esta enorme colección de documentos históricos a través do repositorio Minerva, no cal tamén podemos atopar documentos e traballos doutras disciplinas ademais da investigación histórica.