A campaña “1 mes, 1 profesión dixital” chega ata o salón de actos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Mañá celébrase alí a xornada “Faite profesional dixital de tecnoloxías informáticas na arquitectura”. Está organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración coa Amtega.
Os asistentes poderán achegarse ás novas competencias e habilidades que se están a demandar no mercado laboral no eido da arquitectura. Das 17:00 ás 20:00, intervirán expertos que exporán as características e requisitos do seu labor e pefil profesional. A inscrición é libre e gratuíta e podedes facela a través do correo eventos@cpeig.org ou na web profesionaisdixitais.org.
Os temas, como podedes ver no programa serán, entre outros, o impacto das tecnoloxías da información no sector da construción e as tendencias en visualización interactiva de arquitectura. Tamén se presentará o Obradoiro de Fabricación Dixital da ETSAC e está previsto un debate entre relatores e público.
“1 mes, 1 profesión dixital” arrancaba en abril falando de marketing dixital. Dende entón xa se debatiu de contidos dixitais, banca do futuro ou do ámbito sociosanitario. A campaña, que remata o próximo mes de novembro, ten como obxectivo crear conciencia da necesidade que temos de mellorar o dominio das TIC. A iniciativa é froito da colaboración entre CPEIG e Amtega.


