Esta semana en Xente Dixital falámosvos de aforro telefónico. O primeiro paso é dar algúns datos interesantes sobre consumo e coñecer un pouco mellor como reparten o mercado as operadoras clásicas e as low cost.
O ONTSI (Observatorio Nacional de las Telecomunicaciones y de la Sociedad de la Información) publicaba a finais de ano o estudo “Las TIC en los hogares españoles”. En canto á telefonía móbil destacan datos como que o número de fogares con algún usuario de móbil sitúase nos 16,2 millóns (o 94%), e que o número de individuos con algún móbil activo é aproximadamente 33,4 millóns. As funcións máis usadas e demandadas son: cámara de fotos, WIFI, chat e pantalla táctil.
Chama a atención que usamos o móbil, sobre todo, para recibir chamadas (44%), facer chamadas (38%) e chat (whatsapp; 23,5%).
O mercado móbil en España
O Diario Expansión ofrecíanos tamén a finais de 2013 un retrato interesante sobre o mercado de telefonía móbil en España. Mercado marcado pola loita entre as operadoras clásicas e as low cost ou OMVs (Operadoras móbiles virtuais), operadoras sen concesión de espectro de frecuencia que dependen da cobertura de rede doutras empresas.
Foi no 2006 cando a Comisión Europea autorizou á Comisión do Mercado das Telecomunicacións a obrigar ás operadoras a alugar as súas redes a outras compañías. Así naceron Carrefour Móvil, Euskaltel, The Phone House, etc. Chegaban para romper a competencia e para baixar prezos. Dende entón as operadoras clásicas intentan perder o menor número de clientes posible e as OMVs viron como entre o 2009 e o 2011, triplicaban o número de liñas.
O cambio de tendencia veu cos paquetes de teléfono móbil e fixo + ADSL e coas tarifas infinitas (sen límite de minutos) que provocou un descenso notable nos prezos para clientes de Movistar, Vodafone e Orange. A seguinte pregunta a resolver é como vai afectar ao mercado e que empresa vai aproveitar mellor, a implementación da tecnoloxía 4G.



