En maio do ano pasado, con motivo da celebración do Día Mundial das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, a Axencia Española de Protección de Datos facía un chamamento para lembrar a importancia de protexer os nosos datos persoais na rede. E destacaba 5 aspectos clave para reforzar a protección da privacidade:
- Dispositivos móbiles. Os smartphones e as tabletas almacenan gran cantidade de información persoal. A primeira recomendación básica é protexer o móbil ou a tableta cunha clave para evitar un mal uso da nosa información persoal (correos electrónicos, fotografías, vídeos, etc.) se nos rouban ou perdemos o dispositivo móbil. Ademais, antes de instalar algunha aplicación, debemos prestar atención ao uso que van a facer dos nosos datos.
- Redes sociais. Poden ser unha importante fonte de información persoal. Débese revisar a miúdo a configuración de privacidade dos perfís de Facebook, Twitter, etc., para saber quen pode ver os datos que publicamos. E débese ter especial coidado para non publicar imaxes ou vídeos de terceiros sen o seu consentimento.
- Hábitos de navegación. As cookies son arquivos que se instalan mentres navegamos e que permiten coñecer os nosos hábitos de comportamento na rede. É recomendable borralas regularmente e empregar fórmulas como a navegación privada, para evitar deixar un rastro dos sitios que visitamos.
- Xeolocalización. Cada vez hai máis redes sociais e aplicacións móbiles que ofrecen servizos baseados en xeolocalización. Temos que ter coidado e permitir que se coñeza a nosa ubicación só cando o consideremos moi necesario.
- Menores. É un dos sectores de poboación máis expostos aos riscos que nos atopamos en internet. Na escola e na familia, débeselles transmitir a importancia das consecuencias de intercambiar datos persoais, fotografías, etc., na rede. A principios de mes, en Xente Dixital dabámosovos 7 consellos sobre nenos e novas tecnoloxías.
Fonte: publico.es.


