En Xente Dixital defendemos o uso das TIC por parte de todos os sectores de poboación e en todos os sectores de actividade. Pero non é a primeira vez que recomendamos conectarse menos á rede e aparcar os dispositivos tecnolóxicos nas vacacións. Deixámosvos uns cantos consellos para desconectar nas vacacións:
1. Máis vale previr. Cando vas a coller uns días de descanso? Antes deberías delegar o traballo nun compañeiro e avisar aos clientes para evitar problemas á túa volta.
2. Vacacións sen correo electrónico. É unha das recomendacións básicas. Buscade a páxina de configuración do cliente de correo electrónico que empregades, e activade a resposta automática: “Durante o mes de xullo estarei fóra da oficina. Para calquera asunto importante avisar a…”. Está prohibido actualizar a bandexa de entrada cada 5 minutos.
3. O Facebook non é para as vacacións. Si, somos incapaces de viaxar sen compartilo en redes sociais. Pero podemos moderar o uso que facemos do Facebook e, sobre todo, non pasar horas revisando a actividade dos nosos amigos. Lembrade que o obxectivo é desconectar.
4. Cómpre cambiar o online polo offline. Será unha das poucas veces que vos deamos este consello pero, unha vez ao ano, convén cambiar mensaxe en Facebook por postal e diarios electrónicos por xornais.
5. Que facemos cos dispositivos móbiles? Somos incapaces de marchar de vacacións sen facerlle sitio á tablet. E que dicir do teléfono móbil. O móbil podedes levalo con vós pero coas notificacións de correo e de redes sociais desactivadas. Tablet e móbil deben servir para aproveitar algún momento de ocio ou para compartir algunha foto en redes sociais. Lembrade que non debedes pasar moito tempo en redes sociais nin consultar o correo electrónico.



