A semana pasada presentábanse en Santiago o novo Portal da Lingua Galega: lingua.gal e o tradutor Gaio, ata agora de uso interno na Administración e dende agora en aberto para toda a cidadanía.
O obxectivo é difundir a riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social. O novo portal emprega o dominio .gal, que están a incorporar todas as webs institucionais e que responde ao compromiso que asumiu a Xunta en maio. A finais de 2016 migraranse todos os portais da administración e o correo corporativo ao .gal.
Que cambia en ligua.gal?
Tratábase de cambiar o antigo portal da Secretaría Xeral de Política Lingüística por un máis seguro, accesible e harmonizado co deseño corporativo da Xunta. Había que completar o traspaso ao dominio .gal, adaptar o contido ás dinámicas, programas e actuacións da SXPL, e achegar a información e os servizos á cidadanía.
Lingua.gal conta cun buscador que nos permite localizar a información que buscamos sen ter que coñecer a estrutura da web ou da SXPL. Conta con filtros que facilitan a selección dos recursos adaptados ás necesidades de cada usuario.
Gaio
Gaio permite a tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán. O servizo inclúe unha personalización de máis de 16.000 termos entre topónimos galegos, terminoloxía da administración, nomenclatura vinculada ás corporacións de todos os concellos, etc.


