Tal como anunciou Microsoft, os navegadores Internet Explorer 8, 9 e 10 deixan de ter soporte pola súa parte, polo que no futuro estarán expostos a posibles vulnerabilidades que poidan poñer en perigo tanto a integridade do equipo como a privacidade dos usuarios que empreguen estes navegadores.
Que alternativa ofrece Microsoft?
Empregar a versión máis recente do seu ordenador, a versión 11, e podes descargalo dende a web oficial. Se empregas un equipo con windows 10 instalado, podes empregar o novo navegador Microsoft Edge (se non o coñeces, aquí tes máis información. É o da imaxe da esquerda)
Que outras alternativas existen?
Podes aproveitar este momento para darlle outra oportunidade a outro navegador; velaquí algunhas opcións a considerar:
Mozilla FireFox: un dos navegadores máis veloces que existen. Unha das grandes vantaxes deste navegador é o seu modo incógnito, que che permite navegar sen deixar rastros da túa navegación no ordenador (ollo, so no teu ordenador). É altamente personalizable; desde temas ata botóns, tamaño de lapelas… e incorporou extensións antes que os seus competidores.
Durante anos foi o principal competidor de Microsoft Explorer, ata que chegou Google Chrome
Google Chrome: O navegador de Google é o máis empregado do mundo. É un navegador moi ben integrado con todo o ecosistema de aplicacións de Google: Gmail, Maps, Drive… ademais posúe un amplo abano de extensións para multiplicar as súas funcionalidades.
Se te rexistras como usuario tamén podes ter sincronizados os teus datos en todos os equipos onde instales Google Chrome. Pola contra, é un navegador que consume unha gran cantidade de memoria RAM, algo a ter en conta en ordenadores con recursos máis limitados.
Opera: é un navegador moi lixeiro indicado para equipos antigos ou con poucos recursos. É moi veloz e permite unha alta personalización.
A funcionalidade máis interesante de Opera é “turbo”, un sistema que axiliza a navegación en conexións moi lentas. Se tes un ordenador con acceso a internet a baixa velocidade, proba a experiencia deste navegador; é posible que notes algunha mellora.
Entón, anímaste a cambiar de navegador?

