“Ampliar contidos e seguidores é un dos retos para este ano”

Esta semana quixemos achegarnos ao traballo de Turismo de Galicia na rede. Falamos con Xosé Manuel Merelles, responsable da Área de Comunicación, sobre o traballo que fan na páxina web e nas redes sociais, sobre o labor que desenvolven os community managers de Turismo de Galicia e sobre os retos que teñen por diante.

web_turgalicia

Turismo de Galicia caracterízase pola súa actividade na rede. Onde estades presentes?

Turismo de Galicia conta cunha nova páxina web que se puxo en servizo en setembro de 2012. A través desta web, editada en galego, castelán, inglés, alemán e francés, pódese acceder á práctica totalidade dos recursos turísticos de Galicia. Por outra parte, contamos cunha conta oficial nas principais redes sociais: Facebok, Twitter, Google+, Instagram, Youtube e un blog.

Cales son os principais beneficios do traballo que facedes en Internet?

A través da web, os potenciais turistas recadan información e poden contratar online servizos de aloxamento en turismo rural ou determinadas “experiencias” turísticas. Por medio do blog resaltamos determinados contidos e a través das redes sociais modulamos a oferta de acordo coas suxestións do público e cos nosos propios intereses promocionais.

Como funciona a rede de community managers de Turismo de Galicia?

Na actualidade a rede de community managers de Turismo de Galicia conta con seis persoas. Todas elas manexan contas nas principais redes sociais en galego, castelán e inglés. Ademais, hai unha persoa que emprega o alemán nas súas interaccións e outra o francés. Dende que funciona este equipo de community managers, Turismo de Galicia na rede acadou un alto grao de proactividade, xa que agora non só nos limitamos a atender a demanda de información, senón que “podemos escoitar” e dirixir esa información; buscamos aumentar a presenza do Turismo da Comunidade galega en foros, blogs, webs e redes sociais. Por outra parte, ese equipo encárgase tamén de amplificar as mensaxes que se emiten a través das contas oficiais de Turismo de Galicia.

O Entroido en Galicia está a arrancar e seguro que pronto comezaremos a recibir moita información relacionada a través das redes sociais de Turismo de Galicia e dos seus community managers; como se cobre un evento deste tipo?

Tendo en conta unha listaxe de eventos, o equipo de commnunity managers de Turismo de Galicia selecciona o que máis poida interesar ao público das redes, informa aos seus seguidores e inicia a conversa con eles. Achega contidos de texto, fotografías, vídeos e difúndeos de xeito xeral ou de maneira segmentada.

Que vos queda por facer en comunicación na rede? Cales son os próximos retos e obxectivos?

Neste momento estamos á procura de ampliar os nosos contidos gráficos e audiovisuais, de xeito que poidamos achegar imaxes e vídeos cada vez máis útiles para os nosos seguidores. Ampliar contidos e seguidores, é un dos retos que temos para este ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.