A Xunta acaba de publicar a aplicación da plataforma de contratos de Galicia. Trátase dunha app desenvolta pola Amtega que permite a consulta en calquera momento e dende calquera lugar, dende o móbil ou dende a tablet, da información da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.
Dispoñible en galego e castelán, actualízase de xeito constante con información procedente da web contratosdegalicia.es. A través da aplicación podemos acceder ás últimas publicacións da plataforma, a aquelas que se atopan en prazo de presentación de ofertas, ás pendentes de adxudicar, ás que se atopan nos últimos días de prazo de presentación e ás próximas mesas de contratación.
A app inclúe ademais a opción de consulta dos diferentes perfís de contratante e a posibilidade de sinalar determinados procedementos como favoritos para facilitar o seu seguemento.
PcPG-Contratos de Galicia, está dispoñible para dispositivos iOS e Android.


