A semana pasada aprobábase o decreto polo que se regulan as infraestruturas de soporte e os espazos de reserva para o despregamento de redes de comunicación electrónicas nas estradas autonómicas.
O texto vai a permitir impulsar o desenvolvemento das redes públicas de telecomunicacións en todo o territorio reducindo os custos asociados á obra civil, que supoñen ata un 80% do importe total dos despregamentos. Trátase de expandir as redes de telecomunicacións aproveitando os proxectos de construción de novas estradas autonómicas.
A idea é que antes de iniciarse a obra falarase cos operadores de telecomunicacións para que manifesten cales son as súas necesidades e que reserva de canalizacións solicitan nos diferentes tramos de estrada proxectada. Despois os operadores deberán pagar unha taxa para o uso das canalizacións.
Cómpre salientar que o decreto establece un mínimo de condutos que a Administración debe instalar para poder atender as necesidades que xordan no futuro. Por último, a normativa permitirá proseguir coa extensión da banda larga no territorio galego e mellorar a calidade de acceso a internet.


