Esta semana queremos achegarnos ata a Feira Internacional de Turismo, FITUR, que se celebra entre o 28 de xaneiro e o 1 de febreiro en Madrid. Antes recollemos algunhas das conclusións do estudo “O impacto da innovación e as novas tecnoloxías nos hábitos do novo turista en España”, realizado por SEGITTUR en colaboración con ITH (Instituto Tecnológico Hotelero).
TENDENCIAS
Antes de coñecer mellor ao viaxeiro internauta, na guía dannos información como en que meses viaxamos máis ou que distancia percorremos de media. Na imaxe da esquerda podemos ver cal é o perfil sociodemográfico do viaxeiro.
Tamén podemos ler que os motivos dos individuos que viaxan son, por esta orde: vacacións de verán, fins de semana, pontes, Semana Santa e celebracións familiares.
Chamounos a atención que existen certas actitudes nas que coincidimos case todos os viaxeiros. Gústanos coñecer lugares dos que oímos falar e informarnos sobre o que imos ver antes de saír de viaxe.
USO DAS TIC
Unha das conclusións do estudo é que empregamos internet, sobre todo, para a contratación dun aloxamento. No caso dos hoteis contrátanos online máis dun 50% dos usuarios. Os seus motivos son, por exemplo, ocio (61,6%) e traballo (53,4%). A contratación online de hoteis destaca en todas as franxas de idade menos nos usuarios de entre 65 e 74 anos. Se cambiamos hotel por casa rural, por exemplo, contrátase por internet nun 63,6% dos casos e destacan os compradores de entre 35 e 44 anos.



