Segundo un estudo da compañía TNS sobre hábitos móbiles e dixitais, realizado a 55.000 internautas a nivel mundial, os hábitos do consumidor de contidos están cambiando moi rapidamente, sobre todo en relación ao consumo de televisión e ao efecto multipantalla.
Case a metade (48%) das persoas que ven a televisión pola noite, realiza simultaneamente outras accións como conectarse a medios sociais, consultar o correo ou mercar algún produto a través de internet. O internauta actual dispón de 4 dispositivos tecnolóxicos de media e demanda cada vez máis contido online o que provoca o efecto multipantalla: uso de varios dispositivos dixitais a un tempo.
Os contidos de vídeo consúmense cada vez máis. O 25 % dos usuarios enquisados consume vídeo no portátil, tableta ou móbil; en España a cifra é superior á media (28%).
Moitas das grandes compañías de medios globais están aproveitando as novas tendencias de consumo online ofrecendo servizos on-demmand (á carta) como BBC iPlayer, Hulu ou HBO GO, por exemplo. A pesar do crecemento do consumo online, o 75% dos enquisados declara ver a televisión diariamente.



