O INE vén de publicar os últimos datos sobre equipamento e uso das TIC en Galicia durante este ano. Unha das principais conclusións é que un 75% dos fogares de Galicia están conectados á rede mediante banda larga, un 8,5% máis que o ano pasado. Segundo o Osimga (Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia), nos últimos 5 anos incrementouse un 61% o número de fogares galegos que contan con servizo de banda larga contratado.
En canto ao equipamento, o 73% dos fogares galegos dispón dalgún ordenador (0,6% máis que o ano anterior). Respecto á maneira de conectarnos, preto do 80% usamos dispositivos móbiles (2 puntos máis que a media estatal) e o 29% a través de cable ou fibra óptica (1 punto máis que a media estatal).
É importante salientar que nos concellos de menos de 10.000 habitantes (o 82% do total) o ritmo de crecemento da maioría dos indicadores é superior ao incremento estatal. As conexións de banda larga neste tipo de concellos, por exemplo, medrou un 12,2% cando a media estatal medrou só un 9,4%. Nos concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes, a media galega supera á estatal nos indicadores principais: vivendas con ordenador, con acceso a internet e con banda larga.
As TIC para que?
O 72% dos galegos conectámonos nos últimos 3 meses. Un 30% adquirimos algún produto ou servizo a través de internet (15,8% máis que o ano anterior).
Chama a atención a evolución do uso das TIC por parte da poboación galega de máis de 55 anos; o ritmo é claramente superior ao do crecemento estatal. En canto ao uso de internet, os galegos de máis de 55 conectáronse un 35% máis nos últimos 3 meses mentres que o dato da evolución estatal é inferior ao 19%.
Por outra banda, un 65% participamos habitualmente en redes sociais e un 82% lemos ou descargamos xornais ou revistas en liña.


