Convocatoria da IX edición do premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre

A Amtega convoca a IX edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, un concurso que intenta achegar aos universitarios galegos ao software libre e difundir as posibilidades de emprego que lles pode abrir a publicación ou colaboración con proxectos libres.

O premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e nun segundo de 750 euros, grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do premio no marco do convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.

premioproxecto

Requisitos e prazos

Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5, nalgunha das convocatorias do ano académico 2015-2016. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o domingo 2 de outubro.

Os requisitos que deben cumprir estes traballos son:

  • Ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación
  • Ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.

Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de Hardware Libre.

Este premio, que vai pola súa IX edición, ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia. Dende o curso 2011-2012 este premio é convocado e organizado pola Amtega como parte do seu Plan de acción en materia de software libre, para o que conta coa colaboración e apoio dos distintos axentes do ecosistema do software libre galego.

Quero optar ao premio!

Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.