Comezabamos o verán consultando o calendario de actividades da Rede CeMIT e do CDTIC para o mes de xullo. A actividade da CeMIT non se detén en agosto e setembro; a que cursos podedes asistir nas aulas CeMIT nas próximas semanas?
En Xente Dixital procuramos achegar as novas tecnoloxías a todos os sectores de poboación. Entre o 19 de agosto e o 4 de setembro, na aula CeMIT de Sada, impartirase un curso sobre “Elaboración de documentos de texto a través do ordenador”. Do 19 ao 21 de agosto, na CeMIT do Carballiño, celebrarase o curso “Busca de información na internet para maiores”; capacitarase aos asistentes no uso de ferramentas de busca de información na rede, con pedagoxía adaptada a persoas maiores.
Entre o 20 e o 28 de agosto, en Burela, ensinarannos a buscar emprego a través de internet; se estades interesados non esperedes a reservar porque as prazas son limitadas. Tamén en agosto, do 21 ao 23, na aula CeMIT de Cuntis, terá lugar o curso “Uso seguro de internet por parte dos menores”; para entender os riscos aos que se enfrontan os menores no uso que fan das TIC.
Podedes comezar setembro asistindo ao curso “Iniciación á informática e internet”; do 1 ao 26 de setembro na aula CeMIT de Arzúa. Do 1 ao 15 de setembro, en Burela, podemos averiguar como almacenar os nosos datos na nube; que posibilidades nos ofrecen as aplicacións de google a cidadáns e empresas?
Esta é só unha pequena selección do calendario de actividades da Rede CeMIT. Consulta o calendario completo; seguro que atopas algún curso que se adapte ás túas necesidades.


