A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, a CNMC, publicaba a mediados de xullo os resultados do seu estudo de comercio electrónico do ano 2014. A principal conclusión é que durante o ano pasado rexistrouse un incremento na facturación dun 24,8%.
Medido polo número de transaccións, destacan o marketing directo, a venda de discos, libros, periódicos e papelería, o comercio especializado en alimentación e as prendas de vestir.
Segmentado xeograficamente, as webs de comercio electrónico en España leváronse o 56,4% dos ingresos no último trimestre do ano. O resto fixéronse en tendas en liña doutros países. Por outra banda, o saldo neto exterior (diferencia entre o que se compra dende o estranxeiro a sitios web españois e o que se compra dende España ao estranxeiro) resultou un déficit de máis de 1.200 millóns.
O volume de negocio das transaccións con orixe en España cara o exterior foi de máis de 1.800 millóns de euros, un 26,3% máis que no último trimestre do 2013. O 90% desas compras dirixiuse á Unión Europea. O segundo posto é para os Estados Unidos (3,9%). E as vendas dende webs españolas cara o exterior acadou unha facturación de 658,3 millóns, un 33,2% máis que o ano anterior.
Podedes consultar o estudo completo aquí. Que mercades na rede? Facédelo en webs galegas e españolas ou do estranxeiro?



