Os dispositivos tecnolóxicos son só as ferramentas coas que tirar proveito dos contidos educativos dixitais que comparten familias e docentes no espazoAbalar. Os profesores poden poñer nel os seus contidos dixitais e compartir material educativo co resto da comunidade educativa. O obxectivo é que o alumno participe na súa aprendizaxe empregando o ordenador ou a pizarra dixital interactiva.
Pódese facer unha busca no repositorio Abalar por: ensinanza (educación infantil, educación primaria, etc.), data, idioma, curso, materia, tipo de recurso (imaxes, mapas, páxinas web…) e licenza.
Actualmente hay dispoñibles 1.896 recursos; de primaria e secundaria sobre todo, pero tamén de infantil, bacharelato e outros ciclos formativos. A maioría de contidos están en galego (921) e castelán (658); tamén hai recursos en francés e inglés e, en menor medida, en portugués, alemán ou italiano. Dende novembro de 2010 fixéronse preto de 2 millóns de descargas, máis de 150.000 no pasado mes de maio.
Detémonos nos dous recursos máis descargados para ter unha idea máis clara das posibilidades que ofrece o espazoAbalar. Para alumnos de educación infantil, A vida do bosque II (2.717 descargas) permítelle aos nenos aprender xogando mentres percorren un bosque dixital. Hábitos saudables e sostibles na escola é o contido máis descargado (3044 descargas). Trátase dunha secuencia didáctica multimedia para alumnos de 5º de primaria, que recrea un día de escola e aproveita para repasar os beneficios dun almorzo saudable, a prevención de riscos escolares ou o uso do tempo de lecer.
Facemos unha proba introducindo no buscador os seguintes criterios: galego, educación secundaria, 4º curso, xeografía e historia. O resultado: unha investigación histórica sobre a liña do ferrocarril de Ourense a Vigo, e unha reportaxe sobre o acontecido en Auschwitz na II Guerra Mundial.
Son recursos aproveitables no tempo e de uso libre, con licenzas Creative Commons, para empregar no traballo co alumnado e en proxectos educativos.

