Como cada mes volvemos chamar a atención sobre os cursos da Rede CeMIT. Formación gratuíta en novas tecnoloxías nas 98 aulas que temos en Galicia.
O currículo en papel comeza a quedar desfasado. Hoxe é obrigatorio ter o “Currículum online na rede social Linkedin”. Ese é o título da formación que terá lugar na CeMIT de Redondela o próximo 25 de xuño. De Linkedin pasamos a Facebook, tema do curso que se dará na aula CeMIT O Vicedo entre o 26 de xuño e o 31 de xuño. Se vos interesa inscribídevos canto antes porque quedan 4 prazas libres.
Na CeMIT de Pontevedra, entre o 26 de xuño e o 3 de xullo a actividade será sobre Google Calendar e Google Keep. Coñecedes estas ferramentas de Google? Poden axudarvos moito a organizar o voso tempo e o traballo dende o ordenador ou os dispositivos móbiles.
En Ortigueira, do 29 de xuño ao 2 de xullo, o tema será a creatividade en contextos profesionais. Que podedes aprender? O obxectivo é pensar de modo práctico e saber facer exercicios de pensamento activo para diferenciar as boas ideas das malas. Tomamos conciencia de como estruturamos as nosas experiencias, asumimos a imaxinación como unha tecnoloxía útil e aprendemos mediante a estimulación a pensar mellor. Quedan 8 prazas libres!
Do 29 de xuño ao 1 de xullo, en Redondela, tedes outra oportunidade para mellorar na “Búsquda de emprego en internet”. O 29 de xuño, na CeMIT de Boiro, darán as claves da seguridade tecnolóxica. Na charla falarase sobre os perigos cando usamos a tecnoloxía e sobre como podemos evitalos.
Consultade o calendario de cursos e lembrade que podedes consultar calquera dúbida na web, ou achegarvos á aula máis cercana para preguntar dúbidas ou pedir que se celebre un curso en concreto na vosa localidade.


