A finais do ano pasado falabamos con Mari Carmen López, directora de Galicia Open Future. Hoxe traemos a Xente Dixital a Pablo Gajino, CEO de Possible e un dos responsables de Garagapp, proxecto que se desenvolve no Crowdworking O Gaiás.
Brevemente, que é Garagapp? Que vantaxes ten?
Garagapp sirve para abrir portas automáticas dende o móbil. É un conxunto de receptor máis app móbil que permite ter infinitos mandos no smartphone. As súas vantaxes son que funciona para calquera teléfono e os mandos e chaves seguen funcionando normalmente. O teléfono usa o 3G para abrir a porta pero ademais agora estamos a incluír bluetooth para cando non hai cobertura. A seguridade tamén é un plus, pois todo vai a través dun sistema encriptado de comunicacións polo que non é posible tratar de piratear a app e abrir as portas sen pasar polo noso sistema de comunicacións.
Que camiño vos queda por percorrer? Cales son os próximos obxectivos?
Agora xa temos un produto profesional, varias instalacións piloto, 200 usuarios e os primeiros clientes, polo que estamos no momento de empezar a crecer e ampliar a nosa rede de distribución e instalación e mellorar o hardware dos receptores para abaratar custos.
Como vos enterades de que existe Galicia Open Future e cando decidides participar?
Todo comenzou nun evento no que participou o director de Telefónica de Galicia e o conselleiro de industria en Vigo, no que anunciaron a iniciativa de crear un entorno para emprendedores no Gaiás de Santiago. Xa dende ese momento seguimos de preto o tema para apuntarnos ao programa.
Que buscades en Galicia Open Future? Como está a resultar a experiencia ata agora?
As nosas necesidades estaban claras dende o principio. Tiñamos un produto xa funcional pero necesitabamos profesionalizalo. Aí foi onde o contacto con Telefónica nos facilitou moito a tarefa. Grazas a Galicia Open Future puidemos conseguir un contrato con Wireless Logic e Teléfonica M2M para dotar as instalacións de Garagapp dunhas tarxetas de comunicacións profesionais, dunha rede privada bidireccional e dun sistema para poder xestionar nós mesmos as altas e o tráfico de datos das nosas instalacións. Nunha palabra, agora temos un servizo máis profesional e robusto. Ademais axudáronnos moito na parte de comunicación e ventas. Para nós, aínda que non quedemos entre os tres finalistas, xa foi toda unha victoria.
Como vos vedes dentro de 6 meses?
Con ventas suficientes que nos permitan continuar a mellorar tanto o hardware como o software de Garagapp. Con varios socios distribuidores e instaladores para poder chegar en principio a toda Galicia, e pouco despois a toda a península. No plano económico, esperamos pasar o punto de equilibrio en seis meses e que Garagapp sexa un proxecto sostible, aínda que cremos que pode dar moitos beneficios se o sector inmobiliario comeza a recuperarse.



Pingback: "Recomendamos a todos os que teñan un proxecto que se animen a vivir a experiencia Galicia Open Future" - Xente Dixital