Sempre que vos achegamos algunha rede social chamamos a atención sobre a necesidade de coidar que compartimos na rede. Na semana na que falamos sobre ciberseguridade, queremos darvos algunhas indicacións para comunicar dunha maneira segura en redes sociais. Dende o Centro de seguridade e protección de Microsoft dannos 10 consellos para protexérmonos en redes sociais.
- Primeiro penso, logo fago clic. Convén fixarse nos enlaces que comparten con nós antes de facer clic. No remitente, no tema… O obxectivo de moitos ciberdelincuentes é que fagamos clic no enlace que compartiron con nós.
- Que publicamos sobre nós mesmos? Un método común que empregan os hackers para conseguir información nósa é facer clic en “esqueceche o teu contrasinal?”. Despois responden ás preguntas de seguridade con información típica como a data de aniversario. Se é posible debemos crear a nosa propia pregunta de seguridade cuxa resposta non debe ser, por exemplo, o nome da mascota protagonista da páxina de Facebook.
- Falsos remitentes. Un hacker pode entrar nunha conta que non lle pertence e enviar unha mensaxe fraudulenta. Se sospeitamos dunha mensaxe, debemos poñernos en contacto con esa persoa por unha vía alternativa.
- Páxinas de redes sociais con acceso á nosa lista de contactos. Cando nos rexistramos nunha rede social, é habitual que nos pidan acceso á nosa conta de correo electrónico para axudarnos na busca dos nosos amigos. A realidade é que pasan a dispoñer da nosa lista de contactos que poden empregar para enviar a información que máis lles interese.
- Compartir en redes sociais dende as nosas páxinas. Hai páxinas web que nos permiten compartir directamente unha información en Facebook, Twitter… Se non coñecemos a web non é unha boa idea porque poden rexistrar os datos de acceso e acceder á información persoal.
- A quen aceptamos como amigo? É importante coidar a quen aceptamos. Existe a posibilidade de que accedan á nosa información persoal a través dun perfil falso.
- Non é necesario estar en todas as redes sociais. Non é divertido pero deberiamos deternos 5 minutos na política de privacidade das redes sociais nas que nos rexistramos. Controlan o contido que se publica? Que fan cos nosos datos?
- Contido permanente. Eliminar unha conta non significa que o contido que publicamos non continúe na rede. Contido que ademais puido descargar calquer persoa en calquera momento.
- Redes sociais…, e aplicacións. Moitas páxinas de redes sociais permiten descargar aplicacións de terceiros que permiten xogar, compartir presentacións, etc. Debemos buscar provedores de confianza para evitar que acceda á nosa información quen non debe.
- Traballo e redes sociais. O número de despidos motivado polas redes sociais aumenta ano a ano. Polo contido publicado ou polo seu uso no tempo de traballo. É cuestión de escoller o foro no que compartimos algunhas cousas.

