Nas últimas guías prácticas dabámosvos algúns consellos para promocionar o voso negocio en redes sociais. Hoxe lembrámosvos algunhas indicacións básicas para a xestión de Pinterest, rede social fundamental se, por exemplo, tedes unha tenda en liña.
Os pins
Convén engadir pins dende distintas fontes e non dun só sitio web. E engadir pins que atopemos en Pinterest para establecer relacións con outros usuarios. É unha das accións máis sociais de Pinterest e a mellor maneira de crear unha comunidade de seguidores.
Os taboleiros
En vez de contar cun taboleiro centrado nun tema (servizos da empresa, por exemplo), recoméndase crear varios taboleiros con temas variados (un por servizo, ou un para os servizos e outros con temas relacionados co sector ao que pertenza a empresa, por exemplo).
As publicacións
Ademais de ter claro que publicar coidade cando facelo. Pinterest recomenda espaciar os pins para non saturar aos usuarios que vos seguen. Como escoller o momento máis axeitado? Atentos ao seguinte apartado.
Pinterest Analytics
Despois de crear a páxina de empresa, Pinterest invitaravos a verificar a vosa páxina web. É un requisito fundamental para acceder á sección de Pinterest Analytics. Axudaravos a entender como interactúan os usuarios de Pinterest coa vosa web e saberedes que contido lle interesa máis aos vosos seguidores.
Pins promocionados
Pinterest aínda está probando os pins promocionados, pins polos que se pagará para chamar a atención sobre unha empresa ou sobre un produto. Podedes mantervos informados das últimas novidades aquí. Como poderemos segmentar os anuncios? Necesitarase unha inversión mínima? Que tipo de empresa poderán acceder a eles? Pronto responderemos a todas estas preguntas.



