Dende hoxe queremos compartir con vós algunhas guías prácticas que vos axuden a crear contidos de calidade para páxinas web, blogs e redes sociais. Usades infografías? Hoxe veremos como nos poden axudar a cumprir cos obxectivos de comunicación e na próxima guía práctica recomendarémosvos algunhas aplicacións para crear infografías con facilidade.
Para que se usan? Descrición de procesos, presentación de ideas, explicación de produtos e servizos, comparativas, información estatística, etc. Que vantaxes ten o uso de infografías?
- Crean interese. Contido visual e atractivo que chama a atención dos usuarios.
- Informan. Unha infografía chama a atención e expón os datos máis importantes dunha maneira sinxela.
- Contido viral. Cando publicamos contido na rede o obxectivo é que chegue ao maior número de usuarios posible. Se empregamos unha infografía multiplícanse as posibilidades de que os usuarios compartan a publicación.
Convencidos dos beneficios do uso das infografías repasamos que pasos temos que dar para a súa creación.
- Escoller o tema. Lembrade que o primeiro obxectivo dunha infografía é que ten que ser un contido sinxelo. Desenvolvemos unha idea (canto máis popular e viral mellor) a través de datos e gráficos. Mellor infografía que completamos con texto, que infografía que non se entende.
- Identificar as fontes de información. É importante coidar e citar as fontes de información que usamos. Outro recurso pode ser facer unha enquisa nas redes sociais da empresa, por exemplo.
- Organizar as ideas. Existen aplicacións que vos poden axudar a facer un esquema de temas e subtemas. Ou tamén podedes coller lápiz e papel e debuxar a infografía antes de creala no ordenador.
Para o próximo xoves buscaremos algunhas aplicacións que vos van axudar a crear infografías atractivas dunha maneira sinxela. Algunha recomendación?



Pingback: Guía práctica | 3 aplicacións para crear infografías - Xente Dixital