En Xente Dixital e noutros blogs sobre novas tecnoloxías, podedes ler todos os días que o vídeo é o rei dos contidos na rede. E non é tan complicado gravar e publicar un vídeo para publicar na web e nas redes sociais do voso negocio. Antes de compartir unha guía práctica con aplicacións e ideas para compartir contido de vídeo, contámosvos que vantaxes ten publicar vídeos na rede e que debedes ter en conta antes de crear un vídeo.
Un vídeo require un esforzo maior que publicar unha foto ou un texto –ou non, pensade nos vídeos de Instagram que se publican igual de rápido que unha foto–. Un esforzo que paga a pena facer. Por que?
- Adicamos máis tempo a ver vídeos en internet que a ler artigos.
- Aumenta o recordo da mensaxe. É máis doado chegar aos usuarios que nos seguen a través dun vídeo. É unha boa maneira de fidelizar á nosa comunidade.
- Beneficia o posicionamento en buscadores. O primeiro obxectivo é que a nosa marca apareza o máis arriba posible nos resultados de busca.
- É un contido viral. Se publicamos un vídeo orixinal e de calidade, o contido compartirase con facilidade.
- Aumentan a conversión. Publicar vídeos sobre os nosos produtos pode aumentar a conversión (as ventas) ata un 30%.
Antes de gravar e editar comproba que
Existen algunhas claves que debemos ter en conta antes de publicar un vídeo. Canto tempo pasa ata que deixamos de ver un vídeo que non nos interesa? Como conseguimos involucrar á nosa comunidade?
- A regla dos 15 segundos. Segundo Youtube, ese é o tempo no que decidimos se continuamos ou non vendo un vídeo. Temos que conseguir 15 segundos interesantes para o espectador nos que cómpre resumir cal é o tema que imos desenvolver durante o vídeo.
- Chamadas á acción. Non está de máis pedirlle aos usuarios que nos seguen que se subscriban á nosa canle ou que comenten e compartan o vídeo. É boa idea facerlles preguntas ou formularlles retos que os animen a participar e compartir.
- Non máis de 5 minutos. Depende do tipo de vídeo, do tema, do sector de actividade, etc. Pero se queremos chamar a atención sobre un produto ou servizo que ofrecemos, por exemplo, é importante publicar vídeos curtos que se consuman e compartan con facilidade.


