150 millóns de usuarios non poden estar equivocados. Instagram é unha aplicación gratuíta para Android e iOS que permite facer fotos e vídeos, editalos e compartilos noutras redes sociais. Para que non vos colla por sorpresa e aínda que sone redundante, é unha aplicación móbil. Na web (instagram.com/nomedeusuario) só poderedes ver as fotos e cambiar a información de perfil.
O primeiro paso é rexistrarse, cos datos de Facebook ou introducindo un nome de usuario e un contrasinal. O segundo é que repasemos, de esquerda a dereita, as pestanas, os conceptos básicos de Instagram:
- Inicio. Liña de tempo coas fotos e os vídeos publicadas por ti e polos teus amigos. Podes indicar que fotos che gustan e facer comentarios.
- Explorar. Emprega a pestana explorar para buscar amigos ou usuarios interesantes aos que seguir. Tamén podes buscar hashtags; como en Twitter, empréganse nas descricións das fotos para referirse a un tema ou varios.
- Cámara. Permite facer fotos ou vídeos coa cámara de Instagram ou compartir os da nosa biblioteca. Antes de facer a foto podemos seleccionar se queremos facela con flash ou non, e se queremos empregar a cámara posterior ou a frontal. Os vídeos non poden durar máis de 15 segundos e cada un deles pode conter varias secuencias; conséguense deixando pulsada e soltando a icona da cámara cando decidamos. Despois de facer a foto ou o vídeo, toca xogar cos efectos e cos filtros, engadir unha descrición na que podemos mencionar a outros usuarios e incluír os hashtags que queiramos, e compartir en Facebook, Twitter, Tumblr, Foursquare, por correo electrónico…
- Novas. Amósanse os “gústame” e os comentarios nas túas fotos, e podes ver as fotos que lles gustan e comentaron os teus amigos.
- Perfil. Amosa a túa foto de perfil, as túas fotos de Instagram, o número de fotos, seguidores e usuarios aos que segues. Tamén podes editar a información de perfil e axustar a configuración da conta.
Non esquezas que…
… para que poidas desfrutar da aplicación sen preocuparte, convén lembrar algúns consellos de seguridade básicos: escolle un contrasinal seguro, emprega unha combinación de, polo menos, 6 números, letras e signos de puntuación, asegúrate de empregar unha conta de correo electrónico protexida, e lémbrate de pechar a sesión se compartes o ordenador ou o dispositivo móbil con outras persoas.
Ademais, Instagram permite que as túas publicacións sexan privadas. Así consegues que só vexan as túas actualizacións os usuarios aos que aprobache a solicitude de seguemento. Podes activar esta opción dentro de “editar o teu perfil”.
Se aínda non sodes usuarios de Instagram deberiades probar; facer e compartir fotos e vídeos en redes sociais non volverá a ser o mesmo. Seguro que pronto vos convertedes en #igadictos.

