Unha newsletter pode converterse nunha das ferramentas de comunicación máis efectivas para unha empresa. Pero antes de facer o envío necesitamos unha lista de subscritores de calidade. Como os conseguimos? Deixámosvos algúns consellos.
Consegue subscritores a través do blog corporativo
O primeiro paso é obvio: compartir contido de calidade. Despois podemos tirar de distintos recursos como colocar un formulario de subscrición na sidebar (barra lateral). Cómpre ser creativos e non usar o típico “subscríbete ao boletín”. Pediremos nome e correo electrónico. Tamén podemos colocar o formulario nos artigos que publiquemos ou no quen somos (é unha das páxinas máis visitadas).
Outra opción é ofrecer algo a cambio da subscrición: un curso gratuíto, un manual para descargar, etc. A “última” é usar unha ventá emerxente na que ofrecemos, por exemplo, un produto gratuíto a cambio dun correo.
Campaña de email marketing nas redes sociais
Temos que usar Facebook e Twitter para invitar á xente que xa nos segue a que se subscriban ao noso boletín. Pero hai outros métodos máis efectivos. Coñecedes Easypromos?
En Xente Dixital xa compartimos varios posts sobre a creación de concursos en redes sociais. Os sorteos e os concursos son unha maneira moi efectiva de involucrar á comunidade coa actividade da marca. Para participar pedimos nome e correo electrónico que usaremos para enviarlles a newsletter (isto ten que estar especificado nas bases legais da promoción).
Como é a páxina de confirmación da subscrición?
É algo ao que non lle prestamos moita atención. Moitas veces o correo de “confirma a subscrición” chega á carpeta de SPAM. Temos que deixar ben claro as vantaxes de subscribirse, incluír unha chamada á acción moi clara e incluso engadir un paso a paso visual coas instrucións para confirmar a subscrición.



