O xoves pasado contabámosvos como crear concursos en Facebook e explicabamos o funcionamento de easypromos, unha das plataformas máis populares para a creación de concursos en redes sociais. Que posibilidades tedes en Twitter? Dámosvos algunhas ideas.
Easypromos
Easypromos permítenos facer, por exemplo, unha galería de hashtags. Importamos os tuits, fotos e vídeos de Twitter (e Instagram) que teñan un hashtag específico e presentámolos nunha galería pública. É unha ferramenta perfecta para dinamizar eventos. Os usuarios xeran contido da marca que se viraliza rapidamente na rede.
Tamén podedes optar por un concurso de fotos. Convidamos a participar aos seguidores da marca dende Facebook, Twitter ou Instagram. A plataforma ofrécenos a posibilidade de combinalo coa entrega dun cupón promocional, unha enquisa ou un sorteo entre os participantes.
Os cupóns son outra das aplicacións dispoñibles. Serven para incentivar as compras e aumentar as visitas aos puntos de venda. Tamén nos será útil para ampliar a base de datos de público potencial.
Queredes coñecer todas as aplicacións de Easypromos? Hai máis opcións das que necesitades.
Onekontest
Xa vos falamos en máis dun post de Onekontest. É unha alternativa a Easypromos para facer, entre outras promocións, concursos de hashtags –os gañadores son seleccionados ao azar pola aplicación–, concursos de fotos –cómpre subir unha foto dende Instagram ou dende pic.twitter (servizo de Twitter). Os gañadores son seleccionados manualmente, ao azar pola aplicación ou polos votos dos usuarios– ou concursos de vídeos –neste caso usamos Vine, Instagram, YouTube ou Vimeo–.



