É certo. Non é nin a primeira nin a segunda vez que vos falamos sobre marca persoal. Explicámosvos que é e incluso vos demos 7 consellos para mellorala. Hoxe queremos compartir con vós que pasos debedes dar para a creación da vosa marca persoal. Que tedes que facer para construír o voso perfil profesional na rede?
Antes de nada lembrar que coidar a nosa marca persoal permítenos darnos a coñecer, diferenciarnos, atopar socios, colaboradores e clientes, e a promoción dos nosos proxectos e da nosa empresa.
- Quen son e que quero contar. O primeiro é definir se queredes promocionar a vosa empresa ou queredes darvos a coñecer como profesionais. Que queredes contar e a que público queredes chegar? En canto o definades damos o seguinte paso.
- Escollede un nome. Non é o máis importante pero é importante. Se pode ser, escollede un nome (ou palabra clave) que vos axude a posicionar a vosa marca.
- Necesitades unha web ou un blog. Un sitio onde contar quen sodes e publicar contido interesante que compartir en redes sociais. Hai plataformas gratuítas das que podedes tirar proveito. En Xente Dixital falámosvos das diferenzas entre WordPress e Blogger e profundizamos no universo WordPress.
- É o momento de escoller redes sociais. No blog xa responderamos á pregunta de se necesitamos estar en todas as redes sociais. Facebook é útil para case todas as empresas na rede, para Twitter necesitades publicar máis contido e estar moi conectados coa actualidade e Google+ é fundamental para posicionar. Xerades moito contido multimedia? Mellor Pinterest ou Instagram? Youtube ou Vimeo?
- Coidar a imaxe é fundamental. Por 200€ aproximadamente podemos encargar un logotipo que nos vai axudar a coidar a imaxe da nosa marca na rede. E se podemos usar deseños e fotos de calidade os resultados van a ser moito mellores.
Algún paso que non deramos? Facede un comentario e compartide a vosa experiencia con nós. Que erros e acertos cometestes?


