Guía práctica | Rede social obrigatoria: LinkedIn

linked2Na guía práctica de redes sociais desta semana facemos un percorrido polas principais seccións de LinkedIn. Hoxe é imprescindible rexistrarse e actualizar periodicamente o noso perfil de LinkedIn para crear relacións profesionais, estar informado sobre a actualidade do noso sector e atopar oportunidades de emprego.

Inicio

Na páxina de inicio vemos a información de actividade dos nosos contactos: novos contactos, novos cargos, recomendacións recibidas, debates abertos, actualizacións de artigos interesantes, etc. Tamén podemos seguir a actualidade das empresas ás que seguimos (postos vacantes, novos produtos, etc.) e dos grupos aos que pertencemos.

Perfil

LinkedIn actualizou este ano a disposición de información e o deseño dos perfís. O primeiro que vemos é un recadro coa foto, o nome, o cargo actual ou a situación profesional, a localización e o sector profesional no que nos ubicamos. Inclúe un breve resumo da traxectoria profesional e educativa, o número de contactos e os enlaces aos sitios web que escollamos.

Debaixo do recadro aparece un extracto da traxectoria profesional e académica: un espazo para que nos describamos profesionalmente nun pequeno texto. Lembrades as “antigas” cartas de presentación? O seguinte é a experiencia; un listado das empresas nas que estivemos onde incluímos tempo da estancia, descrición da experiencia, enlaces de interese, etc.

Unha das novidades que presentou LinkedIn é o espazo para proxectos. Temos que engadir descrición, enlace web e lista de contactos cos que colaboramos. O seguinte é a educación; repaso da traxectoria educativa con información de títulos, cursos importantes, etc.

Ademais hai información de idiomas, de aptitudes e coñecementos que poden ser validados por outros usuarios de LinkedIn, de grupos aos que pertencemos, etc.

Rede

Información de contactos que podemos organizar por etiquetas, empresas, ubicación, sector de actividade ou actividade recente. Se optamos por algunha das contas de pago de LinkedIn podemos engadir funcionalidades interesantes como o organizador de perfís. Permite organizar a información dun grupo de contactos que, por exemplo, colaboran con nós nun proxecto importante; podemos crear carpetas, engadir notas, ver o historial de mensaxes, etc.

Empregos

LinkedIn ofrece un buscador de empregos. Podemos buscar por cargo, palabras crave ou nome da empresa. Na busca avanzada podemos filtrar a información por sector e funcións profesionais. LinkedIn suxírenos ademais posibles empregos acordes ao noso perfil e asocia os nosos contactos coas empresas nas que traballan; é útil para pedir recomendacións ou identificar oportunidades de emprego.

Intereses

Nesta sección podemos seguir a actualidade das empresas ás que seguimos: novidades, eventos, nomeamentos, vacantes, etc. Tamén podemos participar ou crear grupos nos que debatir sobre o noso sector profesional, buscar posibles colaboracións con outros contactos, etc. Poden ser grupos abertos ou nos que se solicite invitación.

Este non vai ser o único post nos que vos falemos sobre LinkedIn; un exemplo: que tendes que coidar en LinkedIn para atopar emprego?

Non esquezas que…

… como sempre vos dicimos, debemos coidar que compartimos no noso perfil. Non é boa idea compartir información persoal (teléfono, correo electrónico, etc.) no perfil público. Hai información á que só poden acceder os nosos contactos. O seguinte consello é aceptar invitacións de contactos aos que coñezamos. Atentos ás prácticas de seguridade e privacidade que nos recomenda LinkedIn.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.