En Xente Dixital xa vos demos unha guía práctica de Youtube. A seguinte pregunta é: como podo aproveitar Youtube para a miña empresa? Para comezar tendes que ter en conta que nos movemos no universo Google polo que o máis recomendable é vincular a canle de Youtube coa páxina de Google +.
Por que vincular Google + e Youtube?
Se vinculamos a canle de Youtube a Google+ poderemos, entre outras funcionalidades, empregar o nome da nosa marca e aproveitar ferramentas que nos permiten, por exemplo, xestionar comentarios ou controlar quen pode ver o contido que compartimos: podemos compartir vídeos privados con persoas ou grupos concretos.
Ademais, cando unha canle está vinculada a unha páxina de Google + pode ser administrada por máis dunha persoa. “Por último”, sabiades que podedes facer hangouts (vídeochats) en directo que despois quedan rexistrados na vosa canle de Youtube?
Que ocorre cando vinculas a túa canle a unha páxina de Google +?
Despois de vincular a canle á páxina, trasládase da conta principal de Google a unha páxina filial de Google +; a conta de Google convírtese en administradora desa páxina. A partir de agora, despois de iniciar sesión en Google podes escoller con que identidade navegar en Youtube: a túa ou a dalgunha das túas páxinas.
Por que ten que estar a miña empresa en Youtube?
- Os vídeos axúdannos no posicionamento da marca na rede.
- Un vídeo provoca que os usuarios naveguen durante máis tempo nunha web.
- É o contido perfecto para chamar a atención na rede. Compártese con máis facilidade o contido de vídeo que o de texto.
- Cada vez consumimos máis vídeo no ordenador pero, sobre todo, no móbil e na tablet.
- Nas redes sociais compartimos información de texto, foto…, e vídeo: é obrigatorio coidar a presenza da nosa marca en Youtube.
Non esquezas que…
… Youtube conta cun centro de seguridade no que podedes aprender como protexer a vosa privacidade e previr ameazas como o ciberacoso. Adicádelle 5 minutos á configuración da privacidade e a seguridade.


