O hipersector TIC galego concentra un total de 3.211 empresas e dá emprego a máis de 19.500 persoas, o que sitúa a Galicia como a quinta Comunidade en volume de empresas desta área. Son as cifras que sinala o segundo estudo sobre o Hipersector TIC de Galicia, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O número de empresas do hipersector TIC galego está composto nun 72,6% por empresas do sector tecnolóxico e nun 27,4% por empresas do sector de contidos e servizos audiovisuais.
As actividades de programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática son as que aportan un maior número de entidades ao subsector TIC (1.384 empresas), o que representa un 43,1% no conxunto do Hipersector TIC,
As edicións de libros, xornais e outras actividades editoriais son as máis numerosas do subsector Contidos e representan o 12% do conxunto do Hipersector TIC.
A estrutura empresarial do hipersector caracterízase pola presenza maioritaria de microempresas, así o 93,6% son empresas con menos de 10 empregados.
Outra das contribucións do hipersector TIC de Galicia é o seu peso sobre o PIB galego, que se mantén ao redor do 2,3%, (1,9% do sector TIC e 0,4% do sector Contidos).
O volume de exportacións de bens do hipersector TIC superou os 57 millóns de euros no ano 2014. Cabe salientar o potencial do comercio exterior correspondente ao sector contidos galego, que presenta unha balanza comercial positiva.
No entanto, o 95,1% das exportacións corresponden ao subsector TIC e están centradas fundamentalmente en equipos de telecomunicacións.
Fonte: Amtega


