As empresas tecnolóxicas galegas seguen a colaborar, sobre todo, con empresas de orixe español aínda que no último ano a cooperación coa Unión Europea xa se situou preto do 15% e cos Estados Unidos en case un 6%. Son datos que acaba de publicar o Osimga dentro do “Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia”, correspondentes ao ano 2014.
O informe tamén indica que o número de empresas do sector TIC en Galicia é 2.232. Empresas que dan traballo a máis de 15.000 persoas. Chama a atención que o 82,7% teñen un máximo de 2 traballadores, e o 11,3% entre 3 e 9 asalariados.
O volume de negocio do sector superou os 2.290 millóns de euros no 2013 (2.240 no 2012). O 77,6% corresponde a clientes galegos e o 14,4% a clientes do resto de España.
Os profesionais TIC
A proporción de homes que traballan no sector TIC é dun 62,3% fronte ao 37,7% de mulleres. En canto ás funcións do persoal, hai un 64,3% de homes adicados a tarefas TIC mentres que a porcentaxe no caso das mulleres é do 16,8%.
Por outra banda, un 44% dos traballadores do sector TIC ten titulación tecnolóxica de grao superior ou medio e un 26,7% conta con ciclos formativos TIC superiores ou medios.
Internet en Galicia
O 60,9% das empresas TIC galegas conta con ADSL. Destaca o incremento da conexión mediante banda larga móbil cunha penetración do 35,8%, 4,5 puntos máis que o ano anterior. Ademais, o 17,4% das empresas xa conta con máis de 100 Mbps de velocidade; o 34,5% ten entre 10 e 30 Mbps.
Cloud computing, redes sociais e aplicacións móbiles
Esta semana xa vos falamos do incremento no uso das tecnoloxías cloud. Empréganas o 36,1% das empresas TIC galegas; 59,3% de empresas de 10 ou máis traballadores e 34,7% das microempresas.
En canto ás redes sociais, unha de cada tres empresas TIC emprega as redes sociais para accións de marketing e para captar novos clientes.
Por último, destaca a tendencia do uso de software en plataformas móbiles: máis da metade das empresas empregou algunha aplicación en tabletas ou smartphones e o 11,8% encargou algún desenvolvemento específico de software para plataformas móbiles.


