A Xunta vén de presentar o Sistema de Información Xeográfica corporativo (SIX) que xestiona baixo un mesmo sistema toda a información xeoespacial da Administración autonómica. Na plataforma traballaron o Instituto de Estudos do Territorio e a Amtega.
O punto de acceso a esta plataforma é o portal mapas.xunta.es, que integra nun único sitio a información, as ferramentas e as utilidades para o traballo diario coa información xeográfica de Galicia.
A plataforma está formada por unha gran variedade de aplicacións e ferramentas que facilitan a adquisición, manexo e difusión dos datos con compoñente xeográfica necesarios para o traballo na Administración. Entre outros recursos, no centro de descargas están dispoñibles preto de 32.200 mapas que forman parte de 21 series cartográficas.
Trátase dun sistema de información xeográfico corporativo pioneiro que vén de obter o recoñecemento do líder a nivel mundial en sistemas de información xeográfica, a compañía estadounidense ESRI, por diante de outras 30 propostas nacionais e de máis de 100.000 candidatas a nivel mundial.
Para quen? Por que?
A plataforma vai dirixida a persoal técnico cualificado no eido da planificación e xestión do territorio: ordenación do territorio e urbanismo, estudos do medio natural e do medio rural. Tamén pode ser útil para empresas que desenvolven aplicacións con compoñente xeográfica e para calquera que necesite información xeográfica, mapas, fotografías aéreas, etc.
O obxectivo é tratar, almancenar e difundir datos xeoespaciais das diferentes consellerías baixo un mesmo sistema, garantindo a calidade, homoxeneidade e dispoñibilidade da información.
O SIX (sistema de información xeográfico) proverá á Administración de datos estatísticos e cartográficos territorializados sobre equipamento, servizos, recursos naturais, topografía ou elementos do patrimonio que facilitan a creación de políticas locais e rexionais cunha visión territorial e estratéxica.
Entre outras aplicacións, esta ferramenta axudará na planificación de infraestruturas, a xestión de emerxencias, a análise de patróns de comportamento da sociedade, etc.
Unha web para planeamento urbanístico
Ademais de mapas.xunta.es, vén de presentarse a web do Sistema de Información Urbanística e Ordenación do Territorio de Galicia (SIOTUGA); unha plataforma para facilitar e axilizar o acceso á información e aos servizos da cidadanía e dos actores que participan no urbanismo e a ordenación do territorio.


