A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) están a poñer en marcha a quinta edición do programa “Navega con Rumbo”, enmarcado en Abalar, e que ten como obxectivo concienciar aos escolares galegos no uso responsable da rede.
Navega con Rumbo quere guiar aos rapaces para que naveguen de forma segura e útil e evitar perigos como o ciberacoso ou outros riscos derivados dun mal uso das redes sociais. Pero o programa non é só para nenos senón que tamén se fai partícipes a profesores e pais que deben transmitir as boas prácticas aos máis pequenos.
O CPEIG levará a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración en 240 centros Abalar; terán prioridade aqueles que participan no proxecto de educación dixital E-Dixgal, posto en marcha neste curso.
Na web navegaconrumbo.es podedes atopar guías de navegación para pais, alumnado e profesorado. Tamén se pode consultar o calendario de visitas aos centros, acceder a xogos educativos, etc.



