Non é a primeira vez que vos falamos dos wearables en Xente Dixital. A penetración no mercado de reloxos e pulseiras intelixentes aínda é baixa pero o crecemento do número de usuarios deste tipo de dispositivos é constante. eMarketer fixo un estudo do mercado americano que di que a penetración dos wearables entre os internautas é do 18,7% (57% máis que o ano pasado). Ademais, agárdase un crecemento similar para o ano que vén.
Os máis interesados nos dispositivos intelixentes son os adultos de entre 25 e 34 anos (25% de usuarios de wearables). A longo prazo, espérase un crecemento importante do número de usuarios da terceira idade a medida que se popularicen os dispositivos para controlar a saúde. No 2019, 2 de cada 10 persoas maiores usarán unha pulseira ou un reloxo intelixente.
O prezo ou a falta de aplicacións específicas son algúns dos motivos que explican a lenta adopción dos wearables. Por que imos mercar un dispositivo que non nos aporta moito máis que o teléfono móbil?
Máis posibilidades para as marcas
As marcas non están presentes nestes dispositivos porque aínda non ocupan unha porcentaxe significativa do mercado. Cando o fagan, os anunciantes usaranos como unha canle máis para conectar cos seus potenciais clientes.
Segundo unha enquisa de Startek o 70% dos consumidores están preparados para esta nova realidade e máis da metade queremos que as marcas nos envíen alertas e poidan acceder aos nosos patróns de comportamento para recibir unha atención máis personalizada.
Os wearables son a porta de entrada a moitos datos útiles sobre os consumidores, á información en tempo real sobre o comportamento e as necesidades de cada usuario.


