Usastes un dron algunha vez? Cada vez véndense máis drons, útiles, por exemplo, para a gravación de vídeo ou para facer fotos aéreas. Pero antes de mercar un tedes que saber que existen algunhas limitacións para o seu uso.
O regulamento
Na web seguridadaerea.gob.es podedes consultar o marco regulatorio temporal para as operacións con drons. Aí podemos confirmar que se permite o uso de drons, entre outros usos, para actividades de investigación e desenvolvemento, para observación e vixilancia aérea de incendios forestais, para operacións de busca e salvamento, etc. É importante saber que, ata que non se aprobe a regulamentación definitiva, as operacións limítanse a zonas non poboadas e ao espazo aéreo non controlado.
Moitos estaredes a preguntarvos se se poden usar para gravar películas, manifestacións, vodas, concertos…. Para as películas, podemos usar drons se non gravamos en zona urbana. As manifestacións, festas, concertos, etc. non podemos gravalos con drons a non ser que se celebren en recintos pechados (incluíndo o teito).
É actualidade
Cando falamos de drons falamos, sobre todo, de posibilidades de futuro. Hai uns meses saltaba á actualidade que Amazon xa dispón dunha licenza experiemental con algunhas limitacións para probar os seus drons para a entrega de produtos en EE.UU. Como funciona? Imaxinade que no canto de recibir un paquete na casa, o recibades onde esteades nese momento e entregado por un dron grazas á información de localización compartida dende o voso smartphone.
Dos Estados Unidos a China. Alí úsanos para detectar tramposos na selectividade. Os estudantes tiran proveito das novas tecnoloxías para copiar usando, por exemplo, lápices que escanean a información e a envían fóra para despois recibir as respostas a través de pequenos transmisores. Os drons encárganse de identificar a localización dos sinais de radio que entran e saen das salas de exames.
Que dron merco?
Podedes conseguir un dron por pouco máis de 50€. Ou pagar máis de 1.000€ para contar cun dispositivo máis avanzado. Na web universodrones.com contan con análises e comparativas para que merquedes o dron que mellor se adapta ás vosas necesidades. Adicádelle uns minutos antes de facer clic na ligazón que vos leva á tenda en liña.
Fonte: xataka.com.



