O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, vén de presentar un proxecto desenvolvido entre investigadores do centro e profesionais de tres pemes tecnolóxicas galegas (Elogia, Optare e Softgasa), cofinanciado pola Xunta de Galicia, para mellorar na prestación de servizos de comercio electrónico con ferramentas como o recoñecemento facial ou con estudos de comportamento dos internautas.
O proxecto, bautizado como TICE (Tecnoloxías Intelixentes para o Comercio Electrónico), pretende mellorar a experiencia dos consumidores. Como? Empregaranse ferramentas que permitan coñecer o comportamento dos clientes na rede, as súas prefeferencias, intereses e emocións, a través de técnicas de recoñecemento facial aplicadas a unha foto sacada con un dispositivo móbil.
Por outra banda, inclúense outros factores de estudo para coñecer o comportamento dos clientes tamén nunha tenda física, con tecnoloxías que estudan a localización das persoas, os lugares nos que se concentran ou as zonas da tenda que menos lles interesan.
O obxectivo é mellorar o servizo aos clientes e axudar ás empresas a personalizar as súas campañas de marketing. A iniciativa arrancou en outubro do 2013 e continuará ata xuño do 2015.
Cada vez máis comercio electrónico
Manuel Varela, director da Axencia Galega de Innovación, participaba na presentación do proxecto e lembraba que o comercio electrónico é un sector en alza que medrará entre un 18 e un 20% de aquí ao 2017. E sinalaba a TICE como exemplo de cooperación entre un centro tecnolóxico e as pemes galegas; parte da inversión provén do programa Conecta Pemes 2013.
Fonte: Faro de Vigo.


