A finais de abril presentábase o Programa Transformatic. Busca fomentar o emprendemento dixital e fortalecer o sector tecnolóxico galego. Participan a Xunta, as tres universidades galegas, os centros tecnolóxicos dedicados ás tecnoloxías da información e a comunicación e as empresas do Clúster TIC.
O programa estrutúrase en 8 eixos estratéxicos con 13 liñas de actuación. Os dous primeiros son o impulso da demanda temperá no sector público e en sectores estratéxicos e o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de gran envergadura en sectores estratéxicos para Galicia. Estas actuacións baséanse nunha Comunidade que conta con tres centros tecnolóxicos (Gradiant, CDTIC e CESGA), con máis de 4.000 alumnos matriculados en carreiras TIC e con máis de 2.000 empresas tecnolóxicas.
Os seis eixos restantes están orientados a fortalecer o sector TIC. Hai que comezar por aliñar oferta formativa e necesidades que demanda o mercado. Analizaranse políticas formativas da Xunta e necesidades do mercado a medio e longo prazo para definir novos programas formativos e incrementar o número de titulados TIC.
Ademais favorecerase o apoio á I+D+i e a transferencia tecnolóxica entre os grupos de investigación e as necesidades do sector TIC e dos sectores estratéxicos. Traballarase na consolidación dos centros tecnolóxicos galegos como centros de referencia a nivel estatal e internacional.
Por outra banda, crearase un sistema de apoio integral ao emprendedor dixital. Trátase de favorecer a creación de empresas tecnolóxicas apoiándoas en todo o ciclo de vida do proxecto, dende a idea á comercialización.
As 3 últimas liñas do programa buscan a presenza das empresas no exterior, desenvolver medidas de atracción de investimento para a implantación de empresas tecnolóxicas en Galicia e maximizar a captación de fondos de convocatorias de I+D+i estatais e europeas.


